Esta tarde ábrese a caixa forte do «Eu sei + ca ti» na Televisión de Galicia
TELEVISIÓN
O concurso entrega o segundo bote da súa historia despois dos Escalenos
07 nov 2025 . Actualizado a las 10:48 h.O concurso Eu sei + ca ti da Televisión de Galicia volve esta tarde cun programa moi especial: a entrega do segundo bote da súa historia, valorado en 6.000 euros. O espazo, que se emite de luns a venres a partir das 15.45 horas, xa leva repartidos máis de 30.000 euros en premios desde a súa estrea.
Nesta ocasión, tres equipos chegan dispostos a abrir a desexada caixa forte: «Os Koruños», formados por Brais, Ali e Ro; «A Trinca», con Silvia, Sonia e Lore; e «Os da Sariña», con Pepa, Budiño e Suso. Só un deles poderá proclamarse gañador e levar o premio final, pero antes deberán superar as distintas fases que porán a proba os seus coñecementos, a súa rapidez e, sobre todo, o seu bo humor.
Rolda contra o reloxo
O concurso comeza cunha batería de preguntas onde todas as respostas son números exactos: Cantos anos cumpriu este ano o presentador Xosé Ramón Gayoso? En que ano foi a estrea do Himno de Galicia? Cantos escanos ten o Parlamento galego?
Reta ao teu adversario
Nesta fase, os equipos compiten directamente entre si: Cantas zonas de tapas da cidade de Ourense coñeces? Es quen de dicir as illas máis grandes do Mediterráneo? E as localidades galegas polas que pasa o Camiño Portugués da Costa?
Ghastas pista?
Aquí todos saen a bailar, pero antes hai que adiviñar o título da canción que está soando. Pode ser de calquera estilo: pop, rock, folk, regatón... pero sempre auténticos temazos. Música ante a cal ninguén pode quedar indiferente. Por iso esta é a fase máis bailonga, onde o presentador, Fran Nogueira, saca os seus famosos ‘pasos prohibidos' e un dos tres equipos queda eliminado.
Verdade ou mentira?
A tensión aumenta diante dos premedores. Saberán diferenciar os dous equipos que quedan entre unha afirmación certa e unha auténtica trola? Será verdade que Rosalía de Castro naceu en Conxo? Foi David Cal o primeiro piragüista galego en lograr unha medalla olímpica? É Xenebra a capital de Suíza? Os elefantes usan a trompa para beber? Quen logre catro acertos, pasa á gran final.
Última oportunidade
Tres preguntas para seguir descubrindo os números ocultos que abren a caixa forte. Cantas máis respostas acertadas, máis probabilidades de gañar os 6.000 euros. Con que actor, gañador dun Óscar pola súa actuación en O Pianista, estivo saíndo Elsa Pataky? En que cidade da Comunidade Valenciana está a torre Intempo? Que cociñeiro ourensán comparte nome cun actor de Aquí no hay quien viva?
Eu sei + ca ti é un concurso para rir, aprender e comprobar que, efectivamente, todos cremos saber máis ca o de enfronte... pero non sempre é así. Hoxe un equipo logrará abrir a caixa forte do programa, pero os espectadores poderán seguir xogando desde casa todos os días, de luns a venres, durante as sobremesas na Televisión de Galicia.