«Atrápame se podes» arrinca a segunda semana do especial de Nadal

L. N. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Rodrigo Vázquez presenta «Atrápame se podes»
Rodrigo Vázquez presenta «Atrápame se podes»

O luns 29 de decembro, ás 15.45 horas, comezan a xogar as novas parellas formadas por coñecidos rostros da comunidade

28 dic 2025 . Actualizado a las 12:44 h.

Tras unha primeira semana chea de diversión, emoción e compañeirismo, Atrápame se podes regresa á grella da Televisión de Galicia o luns 29 de decembro ás 15:45 horas coa segunda entrega do seu especial de Nadal. Unha proposta pensada para gozar en familia, presentada por Rodrigo Vázquez e na que participan dez rostros moi coñecidos do panorama audiovisual galego que competirán por parellas.

Os concursantes desta nova quenda son: Rosa Facal e Litos, que forman «Os Bonitos»; David Espiño e María Lamela, baixo o nome de «Dando a hora»; Manel Loureiro e Dani Polo, que integran «Ilusionando»; o dúo de «Os Namorados», composto por Eddy Insua e Violeta Crespo; e Marcos Pereiro e Trisha Fernández, que se presentan como «Os Artistas».

Como en programas anteriores, os equipos afrontarán cinco roldas eliminatorias nas que demostrarán rapidez mental, coñecementos e capacidade para decidir baixo presión, co obxectivo de acadar a proba final e conseguir o bote do programa. Dado o carácter solidario desta edición, a recadación diaria destinarase integramente a distintas organizacións benéficas.

As entidades beneficiarias serán a Federación Galega de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias (FAGAL), a Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA), a Asociación de Nenos, Nenas e Mozos Diabéticos de Galicia (ANEDIA), a Fundación Andrea, dedicada ao apoio a menores con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, e a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC).

Con esta programación, o concurso entra no ecuador do especial de Nadal e encara a recta final cunha proposta moi especial: na terceira e última semana deste, os máis pequenos da casa tomarán o relevo dos famosos e converteranse nos verdadeiros protagonistas.