Un líder para moitos anos, tamén no fútbol profesional

Simón Lamas EXENTRENADOR DEL RC VILALBÉS

TORRE DE MARATHÓN

CESAR QUIAN

08 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu era coordinador da base do Racing Vilalbés cando Diego Villares xa amosaba maneiras na canteira. En alevíns e, incluso, en infantís, facíao moitas veces como dianteiro, pero ao chegar á etapa cadete pegou o estirón e adquiriu un rol máis de centrocampista. Comezou a sentirse mellor aí por ese sacrificio físico que sempre caracterizou o seu fútbol. Pasou a ser un mediocentro ofensivo, con chegada, nun rol como o que lle vimos cumprir esta tempada cando faltaban Yeremay ou Mella. En xuvenís pasou a ser máis un mediapunta con chegada e, nos seus primeiros anos cos maiores, con Óscar Gilsanz, xogou incluso na banda esquerda. Era unha forma de liberar a un xogador tan mozo de toda esa responsabilidade defensiva, pero tamén buscando a liberdade en ataque que el sempre aproveitou moi ben índose para dentro. De feito, cando firma no Fabril é despois de facelo moi ben nesas posicións.

Tito Ramallo tamén apostou por el nesa liña de tres cuartos, buscando a súa incorporación por zonas interiores e a súa chegada aos lugares de perigo. Pero esa tempada, en xaneiro do 2019, volve aquí cedido por seis meses. E foi incrible o que aportou. Era a miña estrea como adestrador do primeiro equipo, cando chegou estabamos en descenso e acabamos conseguindo o obxectivo da salvación de maneira moi eficaz. Fixo catro goles fundamentais, viña cun nivel superior e marcou as diferenzas en ataque.

En verán volveu á Coruña e xa quedou. Dende o debut en Coruxo afianzouse e logrou ser imprescindible para tódolos adestradores e en tódolos proxectos, que foron ben distintos. Pero el sempre foi importante, e iso fala moi ben del. E logrouno sendo a mesma persoa que era aquí. Unha persoa ata certo punto tímida e con carácter reservado, pero que dentro do campo libérase e sóltase, sendo el mesmo, na súa máxima esencia. Tódolos futbolistas ségueno e sempre o queremos no noso equipo.

A súa capacidade para abarcar moito campo é unha das súas maiores virtudes, pero tamén creo que a chegada á zonas de finalización e outro dos seus fortes. Non obstante, eu sempre sinalarei a súa intelixencia como o mellor que ten. Tanto táctica como de interpretar o xogo. Xa o amosou nestes anos, incluso cando lle tocou facer de lateral e cumpriu, porque é capaz de ler moi ben as necesidades. É deses xogadores que cando o tes valoras a importancia que teñen dentro do vestiario e no verde. Unha persoa moi reservada pero que pronto se gañou o respecto dos máis veteranos. O mesmo vexo que lle pasou no Dépor, onde asumiu responsabilidades difíciles sendo utilizado en diferentes posicións e con contextos moi distintos.

Estou seguro que vai camiño de ser un líder para moitos anos. Sei que está moi a gusto no Dépor e con este paso ao fútbol profesional xa se vai afianzar por completo nese papel, asumindo o liderado que ten, tamén no fútbol profesional.