«Que a vida nos acompañe»

Jorge Lamas redac.vigo@lavoz.es

VIGO

ÓSCAR VÁZQUEZ

Francisco Fernández del Riego celebra o seu noventa cumpleanos, recordando «desde a súa fiestra» as relacións vividas cos grandes persoeiros do galeguismo do século XX

07 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Vilanova de Lourenzá Un neno fermoso, rubicundo, de cara redonda e ollos claros, posa xunto ós seus pais. Aínda non era don Paco. É a primeira imaxen de Francisco Fernández del Riego que nos amosa a exposición Unha lenda viva , que desde onte pódese ver na planta baixa da Casa Galega da Cultura. A inauguración da mostra coincidiu co noventa cumpleanos do insigne galeguista. A través de varios paneis podemos seguir os pasos máis importantes da vida de don Paco, que é como decir os pasos da cultura galega no século pasado. Fotografías con Luis Seoane, unha tertulia con Álvaro Cunqueiro e Ramón Piñeiro ou o primeiro cartel anunciador da Día das Letras Galegas no ano 1963 son algunhas das propostas gráficas. Xunto ós paneis, a presencia dos 45 libros escritos por don Paco. Homenaxe da concellería de Cultura A ocasión viña dada, e a concellería de Cultura aproveitóuna para rendir homenaxe a Fernández del Riego. «Don Paco sempre foi xoven, e representa o futuro porque encarna os valores do galeguismo progresista», dixo del Carlos González Príncipe. A concellería asumiu a edición do libro Desde a miña fiestra- «non é o derradeiro libro de don Paco, que aínda ten moito que dicir», explicou Príncipe-donde se recolle a correspondencia que mantivo Fernández del Riego con trece grandes persoeiros da cultura galega. Don Paco, coa súa voz sempre solemne, recoñeceu como gratificante o acto «que é homenaxe a lonxevidade cunha vida consagrada a Galicia, á historia e á cultura». Vigués desde 1939 O director da Casa Galega da Cultura recordou, durante a homenaxe de que foi obxecto onte, que chegou a Vigo no ano 1939 e quixo incorporarse a vida local a través de tres camiños. «O primeiro foi a docencia, o segundo o eido industrial a través da miña participación en revistas como Industrias Pesqueras, e o terceiro a traves da cultura, representada por este edificio que é o meu segundo fogar», dixo o homenaxeado. Francisco Fernández del Riego sinalou que o novo libro contempla o traballo de algúns dos seus mestres, como Castelao ou Vicente Risco, e tamén de figuras coetáneas a el. «Sinto que son un resurrecto porque eu sigo en pé mentres que eles faleceron», confesou o literato. A súa alocución rematou con un brindis á vida. «Feliz ano e que a vida nos acompañe». Moitos amigos A homenaxe contou ca presencia de algúns amigos, colaboradores e sobre tódalas cousas moitos admiradores do traballo de don Paco. Escritores como Camilo Gonsar, Xesús Alonso Montero ou Víctor Freixanes, algún político como Manuel Soto, e outras moitas persoas non quixeron deixar pasar a ocasión para saudar a Francisco Fernández del Riego. Aínda que ós seus méritos son abundantes, a súa grande aportación a Galicia radica no pulo que deu a restauración do proceso cultural galego que a guerra truncou.