Manuel Sendón reflexiona sobre o «Prestige» no Museo do Mar

La Voz J. L. | VIGO

VIGO

10 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Dous anos despois de que o Centro de Estudios Fotográficos editara o libro Cuspindo a barlovento , o Museo do Mar de Galicia acolle, ata o 12 de xuño, as 47 fotografías que Manuel Sendón escolmou para aquel proxecto. Durante a crise provocada polo afundimento do Prestige , o fotógrafo fisterrá recorreu a costa galega máis afectada polo chapapote para deixar a súa propia visión da desgracia. «Eu cando estaba facendo estas fotos, non estaba pensando no espacio discursivo dos medios de comunicación; pensaba en facer un conxunto de fotografías, para ser expostas xuntas nunha sala de exposición e o mesmo tempo dar lugar a un libro», afirma o autor. É por elo que a exposición non está concebida como fotografías individuais, senón coma unha serie, incluso moitas delas como parte dun díptico, un tríptico ou un políptico. E todo xogando coas grandes dimensións para provocar unha reacción do espectador, ao tempo que suliña deste xeito as testuras dos elementos como o petroleo. «Peixes» Xunto a esta serie, Manuel Sendón engade outras once fotografías correspondentes a outra serie chamada Peixes . «Eu non estou moito pola clasificación en xéneros, pero se teño que acudir a eles, neste caso se falaría de retratos; están fotografiados como elementos singulares, incluso vemos como se reproducen de perfl, como ocurre cas personaxes relevantes nas moedas», sinala Manuel Sendón. A serie Cuspindo a barlovento só foi exposta duas veces en Galicia, pero no extranxeiro obtivo boas críticas tanto no festival de fotografía Noorderlicht de Groningen, nos Países Baixos, coma en Newcastle ou Porto. «Estou moi contento coa acollida que tivo fóra, de feito, o diario francés Liberation , cando se cumpría un ano do Prestige , sacóu a toda páxina unha das miñas fotografías», dixo o fotógrafo. Manuel Sendón sostén que as súas fotografías superaron a proba do tempo. «Claro que a visión das fotos é distinta agora porque o paso do tempo deixa un pouso, e agora incluso podemos velo dende un punto de vista estético». «Hai dous motivos do escaso movemento da exposición en Galiza, por unha banda, é unha exposición grande e ademáis levanta ampoias e en moitos sitios non interesa polo que significa ideolóxicamente falar do Prestige », afirma Manuel Sendón para explicar o escaso movemento que esta exposición tivo en territorio galego. Ata o de agoro tan só poido ser exposta en galerías privadas de Santiago de Compostela e de Pontevedra. O feito de que Manuel Sendón resida na cidade de Vigo, fai desta exposición un feito moi relevante para o autor das fotografías que componen Cuspindo a barlovento .