O teatro municipal de Tui acolle mañá, ás 20.30 horas, a actuación da compañía ourensá «La Imagina Machina», que porá en escena «A Viaxe de Efi». Esta actividade pecha a programación cultural para o primeiro trimestre do ano que organiza a Concellería de Cultura de Tui. «A Viaxe de Efi» é a primeira montaxe de La Imagina Machina, coa que gañaron o Premio do Espectador no FETEGA 2006. Baixo a dirección de Suso Díaz, un elenco de actores formado por Nati Borrajo, Tito Asorey, María Gallego e David Varela levan a escena a historia dunha mosca chamada Efi. Trátase dun espectáculo, segundo o director, para que os nenos leven aos pais ao teatro e disfruten xuntos dunha montaxe que inclúe clown, medios audiovisuais e música en directo. As entradas poranse á venda ás 16.30 horas, con prezos de entre 1,5 a 3,5 euros, segundo a idade. Por outra banda, os recentemente rehabilitados locais do «Cárcere vello», na rúa Sanz nº3,, acollerán hoxe, ás oito, a inauguración da exposición «O patrimonio de Tui en maquetas», que recolle a colección propiedade de Alejandro Pardo Martínez na que reúne a case vinte maquetas realizadas por José Martínez Clotet sobre os máis senlleiros monumentos da cidade tudense. Con esta mostra inicia a actividade a futura aula de interpretación.