Mos homenaxea polo Día da Muller Traballadora a esta componente do grupo Malvela que acaba de gravar o seu primeiro disco en solitario
09 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.«Temos uns 20 artistas na discográfica Pai Música pero por quen máis preguntan é pola señora Carmen. Todo o mundo a coñece e xa ten máis de mil discos vendidos. Incluso pedíronmo de Módena e Polonia». O que fala orgulloso é Jose Patiño, da discográfica. Pero o certo é que a señora Carmen non conquista só pola súa voz, a que estremece no seu primeiro disco en solitario, senón polos seus ollos. Con 82 anos, séguenlle a brillar coma se fosen os da unha nena. É así como ten conquistado a ducias de xornalistas que pasaron pola súa casa. Dende fai uns meses, é case unha estrela mediática.
-¿Cómo xurdiu este disco?
-Xurdiu da man de Uxía Senlle e Segundo Grandío (da produtora Casadetolos) que me insistiron moito. Eu dicíalles que o difícil non era gravar o disco, que despois de Malvela xa estaba afeita, senón facer a promoción. Segundo díxome que non pasaba nada, que o graváramos e logo o deixáramos correr só. Claro que despois houbo que presentalo e todo iso.
-Aínda que é o primeiro en solitario, xa tiña experiencia.
-Con Malvela foron xa tres discos, e outros tantos de colaboradora con outros artistas. Xa van sete e iso que Malvela naceu case de broma, cun cursiño que a asociación de mulleres rurais facía para estar xuntas e pasalo ben. Seguimos a ensaiar tódolos venres e pasámolo moi ben. Antes eran só os homes os que saían da casa ó bar, agora cambiaron as tornas.
-Ser muller no seu tempo era moi duro, ¿gustaríalle ter nacido agora?
-Nin un extremo nin o outro. Penso que antes eramos un cero á esquerda pero agora tampouco me gusta a situación.
-¿Está orgullosa a familia de que sexa famosa?
-Eu non lles preguntei pero imaxino que si (comenta sorrindo, mentres bota contas de todos os artigos e entrevistas gardados). Este disco tamén é o xeito de que os meus bisnetos recorden a miña voz.
-¿Pensa gravar máis discos?
-O seguinte xa no ceo.
-¿Ten unha canción favorita?
-Pois gústame moito Virgen de la Macarena, que merquei no Porriño. Aínda que a xente coñece máis a do Pirimpimpim, que sae na serie Padre Casares.