O Festival de Cans premia os clips de Niño y Pistola e Manos de Topo
23 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Para non ter que facer chistes sobre o tamaño o Festival de Cans xuntou a aquela xente que nun tempo facía curtas e agora fai longas. É un salto cualitativo máis que cuantitativo aínda que as aparencias digan outra cousa.
Escola de Cine. Ademais do que dicía Cela de que resistir é unha maneira de gañar, no mundo do cine esa constancia está representada por facer un bo número de curtas antes de facer unha longa. Era o caso dos cinco directores convocados que, entre outras cousas, ofrecían a feliz coincidencia de que o seu traballo como curtametraxistas deu resultados suficientes como para pasar ao outro lado que non é onde está o obscuro senón a forza.
Música e desgrazas. Primeiros premios do Festival de Cans nesta edición con ceos cubertos. Os clips musicais repartíronse e, unha vez máis, crítica e público non coincidiron aínda que as diferenzas non foron grandes. O xurado optou por premiar esa viaxe sentimental que Niño y Pistola fai á cidade que só é coñecida porque naceron nela The Beatles. Gone to Liverpool é un clip de figuras recortadas, imaxes sobrepostas, mapas de Europa e algunhas paisaxes urbanas dese norte concreto de Inglaterra. O premio dos espectadores foi para unha desas historias de desgrazas masculinas que, de fondo, tanto lembra a un tango. O clip da canción Es feo, de Manos de topo, convenceu á xente do festival sen saír do cuarto de baños dos setenta e con ese xogo de pelotas que empurran obxectos que fan caír bolas que moven un interruptor que prende un ventilador e así ata un final que é máis ben suicida. Como sucede en tantas ocasións houbo igualdade.
Tractorada. A xente non deixa de darlle voltas aos chimpíns como medio de transporte popular e folclórico. Tamén é práctico pero non exactamente para as estrelas de cine. Para un galego un chimpín forma parte do seu panorama rural habitual, pero para alguén menos habituado ao noroeste peninsular, poñamos por caso Kiko Veneno ou Lucía Extebarria, o asunto transfórmase nunha rareza da que, seguramente, non van a chegar a entender que é un modo de vida. Galician way o life.
Antes de Liverpool. Antes dos Beatles tamén había música. Era distinta, claro. Teté Delgado arrancouse onte polo rockabillie para ir entrando neses xéneros que eran distintos e mesmo algúns deles dominantes na música popular norteamericana antes que os de Liverpool puxeran a batedora a funcionar. A actriz e cantante tomou unha morea de clásicos e deulle ao plai para demostrar que antes dos sesenta había animación nas verbenas (as de fóra claro) e que para ter unha imaxe daqueles anos non é imprescindible usar laca.