A cantante viguesa creou o grupo Sonhos en Salamanca para mesturar idiomas e diversos estilos musicais
12 ago 2010 . Actualizado a las 11:58 h.Uníronse en Salamanca e se chaman Sonhos. Cantan en galego, castelán, inglés, portugués e italiano. Mesturan o jazz, a bossa nova ou o fado, aínda que o máis sorprendente e o xeito de cantar da viguesa Susana Garrido, todo un pracer para os oídos. O venres, temos a posibilidade de oíla en directo no Verbum e o luns en Baiona. -¿Como naceu Sonhos en Salamanca? -Estudaba alí e coñecín a José Saura, o guitarrista, con quen descubrín gustos similares, a bossa nova, o jazz. A primeira canción que tocamos foi Sonhos , de Caetano Veloso, e a partir de aí comezou o grupo. -O grupo formouse no 2003 pero ata hai un ano non saíu o primeiro disco. ¿Que aconteceu? -É unha cuestión económica. Hoxe en día os discos tes que autoeditalos. Tamén foi debido as respectivas axendas de cada un de nós. -¿A liña estilística está marcada pola canción «Sonhos» ou foi abarcando o grupo outros sons? -A base estilística do grupo está nos nosos gustos. A min encántame a bossa, pero tamén o rock dos sesenta e setenta. O trompeta e o contrabaixista son músicos de jazz. A mestura de todo é o grupo. De todos xeitos, trátase dun grupo ecléctico, porque tanto me gusta cantar unha canción dos Kinks como unha de Jovin. É un punto de encontro doado porque hai gustos afíns e os músicos son bos. -¿Incorporan versións no repertorio? -Si, temos temas propios e versións. A min encántame cantar as cancións que me gustan. -¿De onde lle vén ese xeito particular que ten de cantar? -Os meus referentes son enormes, dende Caetano a Ella Fitzgerald. Non teño un cantante fetiche, teño moitos favoritos aínda que son moi selectiva. -¿Tivo experiencias anteriores no mundo da música? -Levo cantando dende que era pequena. Tamén fun pandereteira e cantareira en Lembranzas Galegas. -As cancións do grupo empregan diferentes idiomas. ¿Por que? -Galego porque é o meu primeiro idioma. Castelán porque é o segundo. Inglés porque os Beatles cantan en inglés. Italiano porque estiven alí e namoreime do país. Portugués porque somos irmáns e os meus avós estiveron no Brasil e é unha lingua moi próxima. -No disco non hai moita presenza da percusión. ¿Teñen previsto seguir nesa liña? -Non, xa cambiou. É unha das cousas que queríamos cambiar. A percusión é moi importante e agora a incluímos no directo. Engádelle a o grupo outro ar máis rítmico e próximo. -¿Por que non veñen máis a Galicia? -Tocamos hai dous anos, pero é unha conta pendente. Non temos moitos vínculos cos locais de Galicia. -¿Quen compón as letras? -Eu, pero gústame máis cantalas. Escribir non é complicado pero si dicir o que escribes. -É moi bonita a «Nana de Xián». -Escribinlla ao meu sobriño. Eu vivía en Italia e botábao de menos. Aínda que arranxada, é a nana que nos cantaba a miña aboa a todos os netos.