A profesora viguesa rescata o traballo da musicóloga coruñesa, que introduciu o repertorio galego na Coral da Habana
14 sep 2010 . Actualizado a las 12:27 h.Irene del Río Iglesias é profesora de lingua e literatura galega no IES Castelo de Vigo e, entre 1999 e o 2004, desenvolveu un traballo de investigación en La Habana como lectora da Cátedra de Cultura Galega da Facultade de Artes e Letras. Froito daquela estadía cubana é o libro María Muñoz Portal, a súa obra musical en Cuba , que onte foi presentado na Casa Galega da Cultura.
-¿Quen foi María Muñoz Portal?
-Unha coruñesa que estudou nos Conservatorios de Cádiz e Madrid, obtendo o primeiro premio en piano da man dun xurado conformado por personalidades como Manuel de Falla e Tomás Bretón. Na Habana, contactou coa intelectualidade da época e emprendeu unha labor musical importante. Dirixiu o conservatorio, creado por Pedro Sanjuán, e fundamentalmente pode considerarse non só unha directora de coros, senón a creadora do actual movemento coral cubano.
-¿Era unha muller de talento?
-Si, comezou aos seis anos a estudar no Conservatorio de Cádiz. Tiña talento para a música. Alí foi onde a coñeceu Manuel de Falla. Foi el quen influíu na decisión de que se matriculase, cando a familia se traslada a Madrid, no conservatorio. Alí tivo contactos con grandísimos compositores e intelectuais, como Juan Ramón Jiménez, amizade que retomou en Cuba a partir de 1937.
-¿Desenvolveu tarefas musicais como compositora?
-Fixo arranxos. Eu busquei estes arranxos, que sei que realizou a través das anotacións que aparecen nos programas da Coral de La Habana que se gardan no Museo da Música. Sei que fixo unha serie de harmonizacións e arranxos, principalmente de cancións galegas, que interpretaba a coral. Lamentablemente non tiven tempo de atopar esas partituras e esas gravacións, que sei que se fixeron por testemuñas de xente que a coñeceu. Existiron, pero agora mesmo están perdidas en casas particulares.
-¿En Galicia non é coñecida?
-Non. Na Feira do Libro de La Habana de hai dous anos, cando se dedicou a Galicia, non puidemos presentar o libro, pero si que comezou a escoitarse o seu nome. Eu xa tiña o libro a punto de publicar. Aquí, chegaron noticias a través de artigos dixitais. Pero non se coñecía a súa vida.
-¿É unha biografía?
-É unha narración histórica. Unha biografía que se estende sobre todo no capitulo obxecto do traballo, o repertorio galego da Sociedade Coral de La Habana. Despois, a través das testemuñas dunha discípula súa, fun reconstruíndo anécdotas persoais e outras actividades que realizou a parte da Coral de La Habana. Ela, por exemplo, fundou o Conservatorio Bach, a revista Musicalia , a Sociedade de Música Contemporánea e unha serie de cantorías cando se incorporou, na década dos trinta, a disciplina de canto nas escolas primarias. Foi profesora da Universidade de La Habana e tamén deu conferencias, escribiu ensaios, e participou en diferentes actividades vencelladas a difusión cultural.
-¿Que lle atrapou deste personaxe?
-O interese por descubrir unha muller galega esquecida. Despois, ver como a pesar de tanto tempo afastada da súa terra, seguía mantendo a súa cultura moi latente. Tamén a súa sensibilidade e a súa fortaleza mental; a parte da renovación ao impulsar a estética da escola nova e a súa riqueza do seu mundo intelectual.
-¿A súa memoria segue viva en Cuba?
-Estaba recoñecida nos ambientes corais. Se teñen celebro festivais en Santiago de Cuba dedicados a ela. Pero, a nivel dos estudosos da historia musical tamén se perdera a súa memoria; de feito, esa foi a iniciativa que tivo a súa discípula Iria Echeverría, de escribir no ano 1993 as súas memorias, onde recollía anécdotas, como cando coñeceu a García Lorca e unha serie de circunstancias persoais. O libro foi moi ben acollido na La Habana porque personaxes da cultura cubana que son importantes, como María Teresa Linares, premio nacional de musica, saíu do seu movemento coral. Curiosamente, María Muñoz non tiña o lugar que merecía, tal vez debido a súa orixe burguesa ou porque Musicalia era unha revista un tanto elitista. Agora si que están a aparecer outros traballos.