Grazas

Salustiano Mato de la Iglesia

VIGO

A concesión da calificación de «excelencia internacional» ao Campus do Mar marca un antes e un despois na historia da Universidad de Vigo, una institución nova que aproveitará precisamente esa xuventude como motor para impulsar o proxecto

24 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Aos centos de persoas que durante meses traballaron en darlle forma e rigor ao proxecto. Ás universidades galegas e do Norte de Portugal, ao CSIC e ao IEO que integran a agrupación de I+D, xunto a plataformas, centros tecnolóxicos e de investigacion. Ás decenas de axentes económicos e sociais e se adheriron a esta iniciativa. Ás institucións que se sumaron a esta proposta.

Grazas a todos porque co voso alento foi posible converter unha aspiración en realidade. Grazas por demostrar que traballando unidos podemos acadar o obxectivo que anhelamos. Grazas por axudarnos a construír un futuro mellor para milllóns de persoas.

A concesión da calificación de Campus de Excelencia Internacional a Campus do Mar marca un antes e un despois na historia da Universidade de Vigo que acada así a súa verdadeira maioría de idade, pero tamén na da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal.

A Comisión Internacional Avaliadora do programa Campus de Excelencia Internacional foi quen de ver no Campus do Mar, ademais da súa fortaleza científica, a súa aposta interrexional con Portugal. A súa capacidade de penetración no tecido socioeconómico e na cidadanía e a súa solidez temática en torno ao mar, foron tamén merecedores dun recoñecemento que obtivo na presente convocatoria de Campus de Excelencia Internacional a máxima dotación económica: 5,3 millóns de euros.

Un recoñecemento que nos enche de orgullo pero tamén de responsabilidade, porque máis alá dun premio é un reto, quizais o maior que enfronta a Universidade de Vigo na súa breve historia. Somos unha institución nova, pero é precisamente esa xuventude o motor que nos dá o impulso que precisamos para desenvolver este gran proxecto no que avanzaremos unidos Galicia e o Norte de Portugal.

Vigo aspira a ser a universidade do mar de Europa e coa cualificación de Excelencia Internacional do seu Campus do Mar vén de dar un paso determinante nesa dirección. Máis de 3100 investigadores, 1350 doutores e 23 institucións. Unha Escola de Posgrao que porá especial enfoque na atracción de talento procedente de América Latina e Asia e cun forte compromiso de cooperación para o desenvolvemento de África. O obxectivo de incrementar nun 10% a contratación entre empresa e agregación de I+D.... Estas son algunhas das nosas bazas para acadar un obxectivo ambicioso pero viable: o de facer da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a referencia europea en investigación e docencia mariña. Somos herdeiros dunha tradición secular de intensa relación do mar. Somos unha gran potencia mariña. Pero precisamos enfrontar novos retos como os que o Campus do Mar formula.

Sen tempo para autocomplacencia comezaremos de inmediato coa constitución do Consello Reitor que se encargará da gobernanza do Campus do Mar. Un Consello Reitor que establecerá a folla de ruta e o calendario de traballo para os vindeiros meses nos que afondaremos na coordinación cos nosos socios portugueses e co Ministerio de Educación.

Continuaremos ademais avanzando noutras accións que xa están en marcha como a Escola Internacional de Posgrao e o Campus Dixital que proveerá aos integrantes do Campus do Mar dun conxunto de espazos dixitais que apoien o seu labor investigador e docente, ao tempo que será un instrumento de acceso ao coñecemento relacionado co mar para toda a sociedade.

Poremos en marcha a dinámica e estrutura dos clúster de investigación, así como a elaboración e construción das liñas emerxentes, ao tempo que agardamos a consecución de novas achegas económicas, entre elas a convocatoria Innocampus e os fondos Feder específicos ligados ás infraestruturas, axudas concretas europeas para a rehabilitación dos edificios da ETEA.

Comprometémonos a seguir aprendendo do mar, a compartir o aprendido e a acoller a todos aqueles que xunto a nós queiran conquistar un futuro mellor para os homes e as mulleres e para o mar. Por que o mar se merece un campus e ese campus é Campus do Mar.

Estamos xa no camiño. Un traxecto que, como a viaxe do poema Ítaca de K. Kavafis, agardamos que sexa «longo, cheo de peripecias, cheo de experiencias...». Un camiño no que agardamos contar con todos os que o estades a facer posible.