En lembranza de Don Paco

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO/LA VOZ.

VIGO

A Penzol e Galaxia organizan un acto de homenaxe a Fernández del Riego

14 ene 2011 . Actualizado a las 11:55 h.

A Fundación Penzol e a Editorial Galaxia promoven hoxe, a partir das 19.30 horas, unha homenaxe a Francisco Fernandez del Riego, finado o pasado mes de novembro. As dúas entidades convocantes estiveron intimamente ligadas á actividade de Don Paco dende o mesmo momento das súas fundacións, nas que participou o egrexio galeguista.

O acto, que terá lugar no auditorio do Centro Social Novacaixagalicia (Policarpo Sanz, 24-26), estaba previsto para o pasado 7 de xaneiro, día no que Don Paco cumpriría 98 anos, e data emblemática para o galeguismo xa que tamén ese día no ano 1950 falecía en Bos Aires Castelao. A idea dos organizadores frustrouse por razóns técnicas e decidiron adialo unha semana.

Participarán na homenaxe, para a que se están a recibir numerosas adhesións, Ramón Villares (presidente do Consello da Cultura Galega), Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da Real Academia Galega), Manuel Bragado (presidente da Asociación Galega de Editores), os académicos Xosé Luís Franco Grande e Xesús Alonso Montero, a filóloga e investigadora Malores Villanueva, Marián Vidal, (directora técnica da biblioteca e arquivo Penzol), Benxamín Casal (vicepresidente de Editorial Galaxia) e Alfonso Zulueta de Haz (vicepresidente da Fundación Penzol).

A persoa encargado de conducir as diferentes intervencións será o director xeral da Editorio Galaxia e codirector da revista Grial, Víctor F. Freixanes.

Durante o acto, o pintor Antón Pulido entregará á Fundación Penzol unha copia do retrato de Francisco Fernández del Riego que no seu día o artista realizou para a Real Academia Galega, destinado a permanecer no fondo Fernández del Riego, segundo no seu día expresou o seu desexo o homenaxeado.

No esquema do acto tamén está prevista a proxección dun vídeo de carácter biográfico realizado por Félix Vidal.

Poemas

Rosa Aneiros, premio de xornalismo Fernández del Riego, escribiu Unha Alba de Gloria para Fernández del Riego , e lerá parte deste traballo, e de Xaime Isla Couto, compañeiro de xeración e cofundador de Editorial Galaxia, da que segue a ser presidente do Consello de Administración, lerase un poema que no seu día o intelectual galeguista escribiu para o seu amigo.

?