Aactual executiva local do PSOE de Vigo iniciou un proceso-farsa para apagar ou silenciar as voces disidentes que intentan expresar ideas distintas ás emanadas desde a dirección local. A apertura do expediente a Carlos Príncipe supón unha profunda transgresión das autonomía de pensamento dentro do partido e unha evidente vulneración do dereito fundamental á liberdade de expresión, recollido en todas as constitucións democráticas. A executiva local pretende eliminar a ineludible discusión política e extirpar definitivamente calquera discrepancia que poida producirse no seo da nosa organización. Manifestar publicamente diverxencia fronte ao presunto razoamento desacertado de certos xefes do Partido Socialista en asuntos cruciais como a fusión das caixas, a articulación da Área Metropolitana ou a adecuada condución da agrupación local do PSOE non só é un deber de calquera militante responsable, tamén é unha necesidade de hixiene democrática que axuda a incrementar a pluralidade e a saudable reflexión, afastando o dogmatismo e o sectarismo.
O expediente é unha proba máis de que no PSOE de Vigo instalouse unha forma de pensamento único que consiste na teimuda obsesión de quen cren que o saben todo, de quen se cren non só intelectualmente senón tamén moralmente por riba dos demais. O pensamento de mil militantes é máis completo que o limitado raciocinio dun simple secretario xeral ou de organización e é por iso que erran acurralando aos que non pensan como eles e o futuro demostrarao. O compañeiro Príncipe simplemente pretendía denunciar publicamente os tropezóns que se estaban cometendo. O pensamento único semella xerar consenso e non admite a súa discusión, mentres que o pensamento democrático busca o consenso, xérao e non deixa de debatelo xamais. Carlos Príncipe é inocente dos cargos que lle imputa a dirección, quizais sexa culpable dun exceso de espírito crítico, coherencia e sentido da responsabilidade.