Os de Cela choran por ela... Os do Porriño foxen con ela. Ervillone, hoxe Erville, era un castro prerrománico, logo romanizado, e xa no século VI aparece mencionada Erbilone entre as igrexas do bispado de Tui nas actas do concello de Lugo no ano 569, convocado polo rei sueco Teodomiro, recén convertido cos seus súbditos do arrianismo ao catolicismo polos milagres de San Martiño de Tours e a predicación de San Martiño de Dumio (Braga). Dos séculos antes Martiño de Tours tratara de converter a Gallaecia do priscilianismo ao catolicismo e de impedir a execución de Prisciliano e os seus seguidores.
Martiño Dumiense, sabio insigne, devotísimo do seu homónimo o santo turonense, escribiu diversos tratados para os reis suevos, en especial para Teodomiro e Miro. O antecesor de Teodomiro, Carriarico, xa tiña introducido o catolicismo pola curación milagrosa do seu fillo ao invocar a San Martiño Turonense.
Os suevos entón ocupaban Asturias, Galicia, oeste de Castela-León e norte de Portugal ata o Texo. A súa capital era Braga.
O feito de constar soamente Erbilone de toda a Louriña e arrededores nas actas citadas danos pé para inferir que o de Erville era o castro que tivera, porque o conservaba aínda entón de algún modo no século VI, o predominio sobre as demais poboacions castreñas do val do Louro, ás cales o rei de Erville prestaba protección á vez que el a recibía do rei de tódolos grovios, de Tui, entón inxente fortaleza no cume do monte Aloia. A tribu celta dos grovios estendiase desde a ría de Vigo ata o Douro.
O culto dos porriñeses e moenses á Virxe do Castro coa xa perdida tradición popular da súas romarías desde O Porriño de 1610 a 1935 é un remanente de vinculación das poboacións da Lauriña a Erville, ancestral matriz política e eclesiástica de todo o val do Louro. Lector, lectora, vai ó castro de Erville. Disfruta das vistas. Entra no encanto da capela. O universo traspasa o seu teito e as súas paredes e énchete de paz e vida. Alí, tes a imaxe da Nosa Señora, que te mira. Déixate estar.
«O castro de Erville tiña o predominio sobre as demais poboaciós do val do Louro»