¿Canto custa a area?

Xosé R. Castro FONDO NORTE

VIGO

01 oct 2013 . Actualizado a las 11:26 h.

Por fortuna, as recepcións a deportistas no Concello de Vigo son habituais. Os políticos baten os 100 metros lisos para sacarse a foto con algún dos vigueses campións. Moitos deles son atletas, con participacións olímpicas e mundiais.

Non corren tanto as súas señorías para acabar coa vergoña de Balaídos. O vídeo que onte sacou á luz David Gómez non é froito dunha arroutada, senón da frustación acumulada ao longo dunha década. Porque ese é o tempo que leva a instalación deteriorándose sen que ninguén tomase a decisión de facer unha reforma integral. Durante este tempo e malia as continuas denuncias só houbo brindes ao sol. Que se un concurso de ideas, que se un convenio que solucionase todos os males, que se reunións a duascentas bandas.... Nada en realidade. O único de certo é que cada vez que unha denuncia superaba os muros da rúa dos Olímpicos, chegaba un lavado de cara en forma de pintura e algunha tira de tartán para disimular.

Seguro que esa man de pintura para tapar as vengoñas é bastante máis cara que os sacos de area que lle negan a David para o foso do salto de lonxitude. Esa é a proba máis evidente da desidia do Concello de Vigo cara ao atletismo, un deporte tan sacrificado como pouco rendible a nivel electoral.

Por iso dalles igual que as colchonetas teñan vinte anos e estean para o arrastre, que os vestiarios sexan un foco de infeccións ou que os roedores se dean un paseo polas instalacións. E o mesmo lles ten que a mocidade busque un espazo de ocio practicando algunha modalidade do rei dos deportes. Seica deporte e saúde forman parte da sociedade do benestar. Iso din os programas electorais, pero os vídeos amosan a verdadeira realidade. Nin un euro para sacos de area. ¿Canto custan?

xoseramon.castro@lavoz.es