Oito personalidades da cultura galega falarán da escritora recentemente falecida os días 7 e 14 de novembro
03 nov 2017 . Actualizado a las 13:31 h.«Despois de Rosalía ven Xohana Torres», afirmou o académico Xosé Luis Axeitos para situar a figura da escritora nacida en Ferrol que elixiu Vigo como lugar de residencia.
A librería Andel vaise convertir nas dúas vindeiras semanas nun templo á memoria de Xohana Torres, falecida hai uns días en Vigo.
O escaparate do establecemento xa luce o seu particular altar literario coa mostra das primeiras edicións da obra de Torres.
O vindeiro 7 de novembro terá lugar, a partir das oito do serán, un acto literario presentado por Axeitos no que participarán Anxo Angueira, Xosé Luis Méndez Ferrín, Manuel Rivas e Francisco Domínguez. Tras as exposición dos participantes abrirase un coloquio.
O 14 de novembro volverá a repetirse o mesmo esquema pero coa presenza de Darío Xohan Cabana, Francisco Fernández Rei, Chus Pato e Ana Romaní.