Jacobo Montes: «A competición deunos un toque e temos que estar alerta»

M. V. F. VIGO

VIGO

M.MORALEJO

O técnico do Coruxo sorprendeu coa súa autocrítica trala derrota ante o filial do Burgos, que remontou: «Non me vou enganar a min mesmo»

02 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O enfado do adestrador do Coruxo, Jacobo Montes, logo da remontada do Burgos Promesas no Vao o pasado domingo sorprendeu e espertou eloxios a partes iguais. Visiblemente molesto pola imaxe que deran os seus xogadores na segunda parte, fíxose responsable e mostrouse autocrítico. Explica que vai ás roldas de prensa a contar o que pensa e iso foi o que fixo.

—Logo duns días, como analiza o que aconteceu o domingo?

—Cando un adestrador di o que dixen eu ao acabar, é que hai un malestar grande co que fixo o equipo, sobre todo na segunda metade, porque na primeira estivemos ben. Non podemos pasar do branco ao negro nun mesmo partido. Iso fainos ser un equipo vulnerable e pouco constante e é das peores sensacións que pode ter un técnico, que o equipo non sexa fiable ou recoñecible. O pensamento agora é o mesmo, é un toque de atención que nos dá a competición e que ten que servir para estar alerta e saber que se non estamos ao noso nivel, podemos perder con calquera.

—Que cre que lles pasou?

—Seguramente na primeira parte vímonos moi superiores e iso provoca certa relaxación nos futbolistas e no corpo técnico. Ves que o partido está dominado de cabo a rabo e no momento en que baixas a intensidade, equilíbrase, o rival empata, poste nervioso porque vías clara a vitoria e non es quen de controlar o que está sucedendo. Ten que ser unha aprendizaxe para que non volva pasar.

—Como reaccionaron os xogadores ao que dixo publicamente e ao que lles diría en privado?

—O discurso de portas cara a dentro non ten que variar moito do que se fala de portas cara a fóra. Hai que facerlles ver a realidade, que saiban que vai custar gañar partidos se non somos competitivos os 90 minutos. A mensaxe é esa, espero que a captasen e, a partir de aí, a mellorar.

—Pode este partido ser un punto de inflexión para o Coruxo?

—Ten que selo. Isto é un xogo, moitas veces vas gañar partidos que mereciches perder e ao revés. Hai moito de azar, pero non pode ser que non poñamos todo da nosa parte para intentar gañar. Esa é a aprendizaxe que temos que sacar. Hai que baleirarse, ser intensos os 90 minutos e, cando rematen, ver se nos deu para superar ao rival. Na segunda parte notei non deixadez, pero si que baixas a intensidade, chegas tarde aos duelos, gañas menos e xogas en campo propio cando antes o facías no rival. Son un cúmulo de cousas que se inverten e o que estaba controlado pasa a estar descontrolado.

—Foi das veces que máis se molestou cun equipo seu?

—Houbo máis, adoita pasar unha ou dúas veces por tempada e creo que son cousas que teñen que suceder para que todos nos deamos conta. Non escorro o vulto, son o principal responsable.

—Sorprendéronlle os eloxios pola súa maneira de facer autocrítica?

—Creo que ten que ser o normal. Sei que moitas veces nos protexemos, pero o que dicimos en rolda de prensa é para os afeccionados que non poden ir ao campo e hai que ser o máis sinceros e claros posible. Se vou e conto algo que non son as miñas sensacións, engánome a min mesmo e á xente. Xogamos para eles e ese é o medio para expresarnos.

—Quitando este revés, o balance estaba sendo bo, non?

—Para os inconvenientes que tivemos, si que estaba sendo positivo. Estabamos en play-off e é certo que non demos a mellor versión, pero as ligas son longas e hai un proceso onde o equipo ten que ir atopando sensacións e coñecéndose. A evolución que estaba vendo deixábame tranquilo, pero eses 45 minutos empanan relativamente ese comezo.

—O obxectivo é o ascenso?

—O obxectivo ten que ser o seguinte partido, en Ourense. Pensar máis alá é equivocarse. A liga colocaranos onde teñamos que estar.