O Consello da Cultura Galega recupera a única incursión de Fernández del Riego na ficción literaria

VIGO

Oscar Vázquez

Na espera do amigo sae agora nunha edición facsimilar, enriquecida con varios textos de distintos expertos na súa obra

02 may 2023 . Actualizado a las 21:47 h.

«Esta é máis cunha presentación dun libro», sinalou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, para referirse a saída da edición facsimilar do conto Na espera do amigo, de Francisco Fernández del Riego, home ao que a Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras do presente ano.

A publicación orixinal saíu no ano 1994, inaugurando a Edición Aguatinta, impulsada dende Vigo por Malena Lepina e Román Pereiro. Agora, o Consello da Cultura Galega fai unha edición facsimilar, de 500 exemplares numerados, que vai acompañada de catro textos complementarios e unha introdución de Rosario Álvarez.

«E unha obra singular porque é unha rarísima incursión de Fernández del Riego na creativa. El dicía que contaba o que outros dicían», afirmou a presidenta do Consello Galego da Cultura.

Román Pereiro lembrou na presentación do libro, e o contextualiza nun dos texto engadidos ao conto orixinal, como se presentou ante Don Paco para propoñerlle que abrise a editorial. «Quedouse calado durante bastante tempo e, despois, díxome que me confundía de persoa, que el non era un creativo», recordou o médico e piar fundamental da cultural en Vigo. Ao cabo duns días, Del Riego chamouno e lle dixo que lle gustara a proposta e que lembraba que, anos atrás, cando vivía en Santiago, fixera un conto e que estaba inédito. «Cando o lin, quedei emocionado. Era un conto moi triste que enfocaba a emigración dende o fracaso dos retornados, un tema pouco frecuente», engadiu Román Pereiro. A edición orixinal contaba cunha serigrafía de Laxeiro a dúas cores para ilustralo. «Está obra mostra o vínculo que tiña Fernández del Riego coa creación visual contemporánea, unha relación que tiña dobre dirección porque tamén as artes mostraron moito interese por el», sinalou Rosario Álvarez.

Na edición facsimilar, ademais do propio Pereiro Alonso, achegan os seus propios textos o filólogo Xosé López González, que fai unha análise literaria do conto e sitúao na produción narrativa; o ensaísta e crítico literario e artístico, Carlos L. Bernárdez, que sitúa a obra no contexto cultural posterior á Segunda Guerra Mundial e os ambientes artísticos do Vigo das décadas centrais do século XX; e a historiadora da arte Beatriz Liz de Cea, que incide na relación persoal que Don Paco mantivo con Laxeiro.

Na presentación da edición facsimilar participaron o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. O primeiro agradeceu o esforzo do Consello da Cultura Galega por «poñer este libro nas mans dos axentes culturais de Galicia», e o segundo, resalatou o papel de Vigo na traxectoria de Francisco Fernández. Ademais, convidou ao Real Club Celta a «facerlle unha homenaxe a Don Paco polas moitas horas que pasou no palco de Balaídos».