Jacobo Gayo: «O problema non é ser último, senón estar tan lonxe»

X. R. C. VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

O patrón de Samertolameu analiza a situación que vive o equipo moañés en ACT

26 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Samertolameu vive un momento difícil no ano da súa volta á la Liga ACT. Último na maioría das regatas e cada vez máis lonxe dos seus directos rivais tanto en puntos como en tempos. Jacobo Gayo, o seu patrón, non lle atopa explicación e admite que a situación está cada vez máis complicada para poder eludir o posto de descenso directo. Por riba, a fin de semana pasada, as embarcacións dos xuíces non axudaron nada, todo o contrario.

—Que pasou na última regata, en Castro Urdiales, que entrou braceando cara aos xuíces?

—Ían dúas zódiacs diante nosa e estabamos collendo todas as ondas. Unha ten que ir diante, pero a outra tiña que ir na cola e entón estaban a prexudicarnos. Nós xa non iamos ben, pero é súper incómodo, foi case todo o último largo.

—Ao final pedíronlles perdón?

—Nada. Antes de chegar a terra, o noso delegado xa reclamara, pero nunca che dan a razón nin che din que non vai a volver pasar. O único que dixeron foi: ‘Ao árbitro non se lle pode berrar’.

—Como ve a situación deportiva?

—Está un pouco complicada a cousa, eu creo que xa é case imposible e non sabemos o porqué.

—Non lle atopan explicación?

—Creo que non estabamos ben, non vai o barco, pero no sei. Son cousas que ás veces buscas pero non das co quid.

—No seu caso, volve para axudar e atópase con isto.

—Era algo que te podías esperar; o problema non é andar último, senón estar tan lonxe. Algo tes que estar facendo mal ao estar a 30 segundos do penúltimo. Non me creo que sexamos tan bos, pero tan malos, tampouco. Penso que non estamos demostrando o noso verdadeiro nivel nas regatas.

—Pode ser un problema psicolóxico, que se vexan aí abaixo e que lles custe máis?

—Podería ser, pero me parece raro. Temos xente con experiencia, que non demostran ese estrés e os ánimos non os perden, que pode ser, si; pero non sei o que pode estar pasando. Igual nos miramos detrás no primeiro largo e non temos a paciencia de intentar remontar.