Nico Rodríguez: «O deporte foi cruel con nós, pero é algo que forma parte do proceso»

X. R. C. VIGO

VIGO

CEDIDA

Malia quedar fóra da final do Mundial cando ía cuarto con Silvia Mas, pensa que as opcións de París están ao 50 % e destaca a gran marxe de mellora que teñen

31 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As lesións castigaron ao equipo mixto da clase olímpica 470 formado polo vigués Nico Rodríguez e a catalá Silvia Mas. Primeiro tocoulle a ela e logo, a el. Malia a escasa preparación, no Mundial pasáronse toda a semana entre os cinco primeiros ata que o último día quedaron fóra da final, na que Xammar e Brugman clasificaron o barco. Malia a iso, pensa que as opcións de ir a París están ao 50% e apela á grande marxe de mellora que teñen por diante para pensar que a praza olímpica é posible.

—Que resumo fai da tempada?

—É difícil. Creo que a pretempada en Lanzarote estivo moi ben e acabamos segundos na regata internacional que houbo alí. Logo, eu tiven unha lesión, estivemos case dous meses apartados do barco e non axudou e perdémonos unha parte importante do ano. Non fixemos a regata de Palma, chegamos a Lleres entre algodóns. Non chegamos coa mellor preparación posible a esa parte da tempada, que era moi importante. A lesión de Silvia do ano pasado e a miña deste ano non axudaron a que a preparación fose a ideal. Somos conscientes de que agora estamos nunha contrarreloxo.

—No Mundial pasaron de estar arriba a quedar fóra da final.

—Alí chegamos con máis continuidade na preparación e iso deunos confianza como equipo. No Mundial estivemos moi ben, chegamos ao último día na cuarta posición, pero ese última fallamos e pagámolo moi caro. Foi un pouco cruel pasar do top-5 do mundial todos os días a quedar incluso fora de final cun undécimo posto. Hai que aceptar a derrota como parte do deporte. No ciclo anterior, viñamos de gañar moitas veces, pero eramos conscientes de que para gañar todo iso, primeiro houbo moitas derrotas, e agora estamos a vivir esa parte escura, o máis difícil do deporte e que é a parte normal. Hai que ser conscientes de que é parte do proceso e que para gañar, temos que aprender de todo isto. Agora toca baixar ao barro, poñerse o mono e darlle duro.

—Que o barco o clasificara Jordi Xammar e Nora Brugman complica as opcións olímpicas?

—Supostamente, non; logo, nunca se sabe. A Federación ten que sacar agora as bases da selección interna e, polo que nos dixeron, a selección será no Mundial de Palma do ano que vén, en marzo, e no Trofeo Princesa Sofía. Esas dúas regatas deberían ser as que conten para a selección interna e só contaría este ano en caso de empate. Creo que temos o potencial para gañar as dúas regatas e agora o que temos que facer é traballar e facelo.

—Como está a funcionar o equipo malia as lesións?

—Temos moi bo equipo, somos conscientes dos puntos de mellora, temos moito que facer aínda. Os dous somos conscientes de que nun ano non é doado traballar todas as cousas e temos que acabar de ver como queremos facer todo. Viñamos de dous equipos, adestradores e compañeiros distintos e agora hai que adaptarse a todo, por exemplo, aos cambios de peso, porque aínda que é o mesmo barco, que os teus compañeiros teñan pesos distintos fai que varíe moito cómo interactivas co barco. Estamos acabando de atopar todo iso, que nos custou un pouco máis do que pensabamos, pero creo que ao resto da xente tamén.

—Que teñen na folla de ruta ata o final de ano?

—Non temos competicións ao uso e será todo pretempada. Creo que non imos ter moitas competicións antes do mundial, o que non me acaba de agradar, pero seguro que entre os adestradores e os clubs van organizar algunha competición. Nós somos un barco que agora mesmo necesita competir bastante para ver un montón de situacións.

—Como ve as posibilidades de ir aos Xogos?

—Eu creo que van ser 50% entre eles e nós. A día de hoxe, nós temos moito que mellorar e eles xa teñen un nivel mellor ca nós, e agora mesmo pode estar 60/40, pero se traballamos ben, pode estar 50/50. Para marzo, nós imos igualar a balanza e eles van estar moito más preocupados do que xa están, que xa sabemos que están preocupados.