O espírito de Francisco Fernández del Riego entra no Museo do Mar

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

Oscar Vázquez

Unha mostra divulga ao obra da figura senlleira do galeguismo

16 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A sala de exposición temporais do Museo do Mar acolle a mostra Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito, comisariada por Malós Cabrera e Malores Villanueva e producida por Merlín Comunicación, pertencente ao grupo Editorial Galaxia. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Formación Profesional e Universidades, no ano das Letras Galegas 2023, dedicado a Francisco Fernández del Riego, presenta este proxecto expositivo en colaboración coa Fundación Penzol e a Real Academia Galega.

A mostra, que ten un carácter informativo e didáctico, ten a finalidade de dar a coñecer por Galicia adiante a relevante figura de Francisco Fernández del Riego, repasando a súa traxectoria vital e profesional para comprender quen foi, que deixou a sociedade galega e que implica a súa figura no proceso de consolidación do galego e da súa cultura nos tempos recentes.

Ademais, conmemora a celebración do 60 aniversario da instauración do Día das Letras Galegas (1963-2023), poñendo en valor o papel de Del Riego como promotor do evento, ademais de ser tamén co-fundador de Editorial Galaxia, co-director e co-fundador da revista Grial e director, desde a súa creación, da Fundación Penzol, dos que tamén se conmemora o seu 60 aniversario.

A exposición presente no Museo do Mar consta de catorce paneis informativos e mesas-vitrina con material gráfico e documental ao redor do persoeiro homenaxeado. A mostra inaugurouse en Lourenzá o 10 de maio, para logo instalarse en Vigo e, proximamente, en Santiago de Compostela.