A xira de Uxía que festexa sete veces o 25 de abril: «'Grândola' é o himno máis fermoso do mundo»

b.r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

cedida

A cantate rematará en Salvaterra do Miño o domingo, 28, pechando con Luis Pastor e João Afonso no concerto que organiza a sociedade deportiva cultural do Condado

25 abr 2024 . Actualizado a las 18:40 h.

Non é primeira vez que a artista mosense Uxía se embarca nunha xira mundial, xa que como unha das máis activas cantoras da lusofonía dende Galicia, leva percorrido Europa, África e América. Pero esta vez aborda un periplo internacional no que é posible fundir o concepto de fogar e pisar territorio alleo aínda que o sinta como propio. A xira Portugal / Galiza Santa Liberdade: Uxía canta abril, que comezou o pasado sábado na localidade lusa de Guarda e seguiu o domingo en Santo Tirso, ofrece un amplo repertorio froito do camiño nos seus case 40 anos de carreira nos que renovou a música galega conectándoa coas culturas atlánticas. Ademais dos seus últimos traballos, tamén se aproxima á música tradicional da Galicia e Portugal e fai unha nova lectura da rica obra de José Afonso, «un exemplo e un modelo de como combinar as raíces e unha linguaxe propia, o compromiso e a beleza, o lirismo e o social», sinala. Tamén inclúe no repertorio o Cantar Galego ao Zeca, tema inédito que homenaxea ao autor de Grândola, Vila Morena, e quere expresar o amor eterno da nosa terra ao xenial cantautor portugués que sentía Galicia como a súa patria espiritual.

Conmemorando os 50 anos da Revolución dos Cravos, Uxía recupera algunhas das cancións máis representativas de autores que foron a banda sonora daquel tempo. Tamén aporta temas propios sobre poemas de Sophia de Mello Bryner ou algún tema inédito e a súa relación coa terra galega, e un poema que conta a historia do transatlántico Santa Liberdade, a aventura romántica que uniu a galegos e portugueses para denunciar as dictaduras de Franco e Salazar. A cantante fai algúns concertos coa súa formación habitual de cuarteto, con Sérgio Tannus (guitarra, viola caipira e dirección musical), Santi Cribeiro (acordeón) e Isaac Palacín (percusión); e outros, acompañada dos cantautores Luis Pastor e João Afonso para reforzar a idea da Terra da Fraternidade que Grândola propoñía. Recén chegada a Caminha, donde facía parada onte para actuar, a mosense explica que «é un privilexio participar desta celebración dos 50 anos porque síntome parte da familia de Portugal e é moi bonito festexalo en distintos formatos, xa sexa con cancións miñas ou de outros, todos bastante combativos nas letras, e rodeada de xente que quero moito», sinala a artista que explica sobre o espectáculo que cada quen protagoniza a súa parte e logo xúntanse ao final, nun tramo colectivo no que comparten temas e entonan ao peche o himno da revolución ao que se suma sempre o público. «É o himno máis fermoso do mundo», afirma a intérprete, que lembra que «hai que estar atentos, porque o fascismo sempre asoma e o popo é quen máis ordena», remata pasafraseando a canción.

Uxía confesase feliz do acontecido ate agora na xira, mostrando esa conexión de Galicia con Portugal «porque o 25 de Abril é unha festa para todo o mundo e para nós era un sonho de liberdade no seu momento». Esperánlle Caldas da Rainha hoxe. 25 de abril; Coímbra o 26, a Illa de Arousa o 27; e Salvaterra do Miño o domingo, 28, pechando a xira con Luis Pastor e João Afonso no concerto que organiza a sociedade deportiva cultural do Condado.