Claudia Martínez: «Non tiven ofertas, pero estou onde quero e voume retirar aquí ao 100 %»

M.V.F. VIGO

VIGO

BEMBRIVE FS

A xogadora canguesa  do Bembrive FS valora o curso do equipo, que caeu no play-off

15 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Claudia Martínez (Aldán, Cangas, 994) foi o gran nome propio do Bembrive 2023/2024. Fuxe de protagonismo, pero o certo é que rematou a liga como máxima goleadora de toda a categoría de prata do fútbol sala español e tamén do play-off. Na final da pelexa polo ascenso a Primeira caeu o equipo vigués, algo que lles deixa unha espiña cravada, pero que non lles quita a satisfacción dunha tempada que superou todas as expectativas. Malia ser a gran protagonista do éxito, asegura que non recibiu ofertas e que, aínda que chegasen, ten claro que o seu futuro pasa por seguir vestindo de verde.

—Transcorridas un par de semanas desde que dixeron adeus a ascenso, que sensación lle queda?

—Segundo pasan os días, colles perspectiva e fas unha reflexión máis en frío, porque inmediatamente despois dos partidos da última eliminatoria, a sensación era mala, de non ter aproveitado a ocasión. Si que puxemos todo o empeño, as ganas e a ilusión, pero no partido de Barcelona (ante o Rubí) xa perdemos practicamente as opcións de poder resolvelo ao noso favor na casa. Seguimos confiando na machada, pero ao non meter nos primeiros minutos e facelo elas antes do descanso, complicouse. Estamos orgullosas da tempada no seu conxunto, per con esa espiña de non competir na segunda eliminatoria como si fixemos na primeira.

—Dicía o seu técnico, Pitu, que non existía unha gran diferenza de nivel entre os dous equipos. Que lectura fai do que pasou?

—Estou de acordo. Se houbese esa diferenza de nivel sería un golpe de realidade e xa está, sería máis doado de entender. A espiña é, precisamente, porque consideramos que por nivel de xogo tiñamos que ter pelexado máis. Entramos tarde ao partido e a estes niveis de esixencia, págase caro. Non me resulta sinxelo facer un diagnóstico. Creo que non foi un exceso de nervios, senón que nos pasaron por riba competindo. Elas entraron a un partido de play-off como hai que entrar e nós, non. Gañaban cada duelo, ían con máis determinación.

—Puideron pecar de inexperiencia en comparación con elas?

—Si, entendo que elas eran un equipo feito para ascender e nós non empezamos pensando niso, pero cando levas desde a segunda ou terceira xornada na primeira posición, non te cres menos que ninguén e tamén tes ese obxectivo. Si que é certo que elas tiñan máis experiencia en play-off e hai diferenza a nivel de club.

—A nivel persoal, foi unha tempada inmellorable, con 51 goles en 22 partidos de liga regular e cinco en catro do «play-off».

—Eu considéroa moi mellorable por esta última eliminatoria, para min e para o equipo. A espiña cravada será motivación para o futuro. É certo que a miña cifra de goles é algo fóra do normal, pero de verdade que considero que é o de menos. O que máis me guía é a marxe de mellora para o traballo, para ser mellor en todas as facetas, unha xogadora máis completa que axude ao equipo en calquera das formas. Non vou dicir que os goles non son importantes, si que o son, pero o que me gustaría é axudar cada vez máis en todo.

—Falaba un «play-off» mellorable tamén no persoal, non quedou satisfeita coa súa aportación?

—Deino todo e máis, pero creo que cheguei xusta de gasolina e a explosividade e a chispa igual non eran as mesmas logo de dez meses. Por sorte, máis alá dalgún susto, non tiven lesións e non me perdín ningún partido salvo un por un exame, e tes picos de forma.

—Con que momentos queda desta tempada?

—Houbo moitísimos momentos. Ver como estivo o pavillón os últimos sábados foi máxico. Non podo dicir un en concreto, pero a nivel persoal, o sábado do Segosala foi especial porque mentres eu xogaba, faleceu a miña avoa Pacífica coa miña familia na bancada e con aquel empate, conseguiamos virtualmente a liga. Tamén foi incrible a cantidade de xente que se desprazou a Rodiles, gañar alí a liga e ver que tanta xente nos segue e as nosas alegrías son as súas.

—E que hai do seu futuro?

—Está decidido. Xa falei co club e xa renovei. Aínda me queda gasolina e motivación para seguir.

—Chegarían ofertas de Primeira.

—A verdade é que non as tiven. Estou onde quero estar e penso que as ofertas chegan se unha quere. Estou contenta e non me vexo noutro sitio. Despois do Bembrive, será a retirada definitiva —que xa tiven outra e volvín— e será aquí ao 100 %.