O Marco acolle debates de investigadores, obradoiros e unha exposición
09 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Cunha exposición sobre o traspaso da narrativa histórica da literatura á realidade virtual comezaron onte as VI Xornadas de Videoxogo e literatura que organiza a Fundación Carlos Casares e se desenvolverán ata o mañá no Marco.
Alba Calo e Juan Luis Lorenzo, investigadores das universidades de Santiago e A Coruña, exemplificaron con textos literarios, como Sherlock Holmes, de Arthur Conan Doyle, ou Anábasis, de Xenofonte, a traslación da narrativa literaria ao cine, despois aos videoxogos e, finalmente, á realidade virtual. Alba Calo explicou como na publicación orixinal de Conan Doyle, de finais do século XIX, xa se producía unha certa interacción entre os lectores e o autor, quen tivo que resucitar ao afamado detective a petición dos seus lectores. Esta interacción foi gañando presenza no sucesivos cambios de medios de expresión, e no videoxogo e na realidade virtual xa se ofrecen distintos finais dependendo das decisións dos xogadores.
Ata mañá se sucederán no Marco distintos faladoiros, mesas redondas e obradoiros, como os que dirixe RetroGalaicos a grupos de escolares, e que se abrirán ao público familiar durante a vindeira fin de semana previa inscrición no propio museo vigués.
As xornadas foron inauguradas polo administrador da Fundación Carlos Casares, Hakan Casares, e representantes das tres administracións públicas que apoian as xornadas, a Xunta de Galicia, o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra. «Dende a Fundación estamos nunha fase de facer cousas novas que permita conectar con públicos novos e que, en principio, non se achegan directamente á literatura do meu pai», explicou Hakan Casares. «Eu creo que este ámbito de traballo gustaría a el», engadiu para referirse ao seu pai, Carlos Casares.
Na programación de hoxe mércores está previsto un faladoiro sobre a arte nos videoxogos e a saga Assassin's Creed, que desenvolverá Miguel Ángel Cajigal, historiador da arte e escritor. Alba Calvo, profesora e especialista en tradución na Universidade de Vigo, falará do traslado e tradución da linguaxe aos videoxogos. Rematará a xornada coa presenza de Adrián Suárez, profesor no máster de deseño e desenvolvemento de videoxogos de UNIR, que desenvolverá o título Ler, escribir e interpretar o lore. Unha viaxe a través das historias que os videoxogos nos ocultan.
Museo de Cangas
Durante a inauguración das xornadas, Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, anunciou que, en pouco tempo, a Xunta de Galicia publicará o decreto de oficialización do Museo do Videoxogo de Cangas. Pola súa banda, Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación, subliñou o carácter transversal destas xornadas e a súa necesidade como ferramenta de futuro no eido cultural. Finalmente, o concelleiro de Cultura de Vigo, Gorka Gómez, destacou que eventos coma estas xornadas facilitan que os videoxogos perdan a carga de negativa que nalgún momento puideron ter polo seu mal uso.
Compleméntanse as xornadas cunha exposición interactiva da Asociación Cultural RetroGalaicos titulada Bit a Bit. A evolución dos videoxogos. Nela faise un repaso polas distintas xeracións de consolas retro. Esta exposición pode visitarse ata o sábado 12 de outubro. Está situada no anexo do museo.