O Porriño despide a unha das veciñas e «grandes iconas» do seu festival de cine
13 ene 2025 . Actualizado a las 14:56 h.Alá polo 2004, Alfonso Pato, integrantes da Asociación Cultural Arela e veciños da parroquia de Cans (O Porriño) decidiron facer das súas casas cinemas. Crearon un festival que hoxe, 21 anos despois, despide a unha daquelas mulleres que abriu o seu fogar ao sétimo arte. Alicia Sánchez fixo do seu «jalpón», da súa leira e do seu fogar todo un país das marabillas durante o Festival de Cans. «Sempre será recordada polo seu carácter afable e a súa xenerosidade para ceder a súa leira e o seu galpón para coloquios e proxeccións», lembran nunha nota os organizadores do certame. Polos lugares de Alicia pasaron cineastas de relevancia como Fernando León, ou José Luis Cuerda, xunto a actrices como Leonor Watling ou actores como Tristán Ulloa ou Karra Elejalde, entre outros, aos que Alicia «sempre gostaba de recibir na entrada da súa casa». Na súa leira tamén actuaron artistas como Iván Ferreiro ou Depedro e no seu galpón falaron Rodrigo Sorogoyen ou Manuel Martín Cuenca. Como di o escritor Diego Giráldez, era a muller de «Alicia no Cans das marabillas».
«Alicia era unha das nosas. Aínda que nos últimos anos non vivía en Cans, deixábanos as chaves para dispoñer da casa durante o ano. O seu jalpón, a súa adega ou o seu faiado eran almacéns do festival durante o ano», lembra o director do festival, Alfonso Pato. «Ela sempre lle dicía a todo o mundo que eu era case coma un fillo para ela, e para todos os que facemos o festival era case como a nosa avoa», continúa. Ten milleiros de historias, anécdotas e «das risas que botamos na súa cociña co Monte Castelo de fondo» gardadas para sempre. Todos os veciños teñen algunha memoria que contar. A Alicia gustáballe contemplar, sentada nunha cadeira pregable diante da porta da súa casa, como a súa aldea ía enchéndose de vida e de xente. «As veces baixo ver os concertos, pero non o preciso porque os concertos veñen a min», dicía nunha entrevista a La Voz de Galicia en 2017.
Aínda que nos últimos anos residía coa súa filla en Santiago de Compostela, a señora Alicia sempre era convidada a facer a primeira presentación da imaxe do festival nesa cidade, e a lucir a primeira camisola de cada edición, como así foi hai case un ano. Alicia Sánchez converteuse festival a festival nunha imaxe icónica do festival ao aparecer en camisolas co lema «Alicia Calidade» ou ser unha das imaxes de maiores da aldea que Estrella Galicia elixiu para facer lonas xigantes co lema «A Resistencia» e incluso para rodar un spot publicitario. As súas aparicións en prensa e televisión contribuíron á súa popularidade máis alá da aldea, onde cada ano a visitaban multitude de persoas que pasaban polo certame.
Alicia Sánchez tivo a vida difícil de moitas mulleres da súa xeración, sacando a súa familia adiante, despois de emigrar co seu marido a Venezuela e facer vida alí durante 22 anos. Deixou no país caribeño un fillo e volveu a casa para facela o fogar de todos durante o festival. En Cans lembran como cantou con Tony Lomba ou Sés no seu balcón ou aquela vez na que o líder de Def Con Dos, César Strawberry, botou unha sesta na súa cama.
Hoxe, a casa de Alicia cambiou de propietario e foi vendida a unha nova familia que chegou á aldea, coa que o Festival de Cans está en conversas para poder seguir usando para as proxecións este emblemático galpón, pero sempre será o fogar e a imaxe de milleiros de historias cun denominador común: o sorriso da señora Alicia.
Agora, o Festival de Cans, cuxa XXII edición terá lugar do 20 ao 24 de maio e que ten aberto o prazo de inscrición de obras, tratará de preservar a memoria dunha das súas históricas veciñas. A organización avanza que haberá un acto especial na vindeira edición, para honrar a memoria de Alicia Sánchez.