O Museo do Mar reforza a mostra de Plácido Castro con obra inédita

b.r.s. VIGO / LA VOZ

VIGO

XOÁN CARLOS GIL

Carlos Bernárdez e Xulio Ríos presentaron o catálogo

23 ene 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

O Museo do Mar de Galicia acolleu onte a presentación do catálogo da exposición Plácido Castro. Unha Galicia Soñada. A mostra amosa un sobranceiro conxunto da obra pictórica de un dos máis destacados intelectuais galegos do século XX e os textos de Xulio Ríos e Carlos Bernárdez plasman por primeira vez, a través das súas páxinas o groso da obra plástica de Plácido Castro (1902-1967) que ate o de agora permaneceu inédita. «As acuarelas ilustran as paisaxes da súa vida, dende o seu Corcubión natal pasando por Muxía e a Costa da Morte, Vigo e Cambados, e os seus debuxos amosan unha especial sensibilidade pola nosa cultura mariñeira o que lles engade un singular valor etnográfico», sinalan.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación do catálogo que completa a mostra e como salientou o representante da Consellería de Cultura «trátase dunha ampla recompilación da obra pictórica menos coñecida do intelectual». Durante o acto, Valentín García destacou a colaboración entre o Goberno galego e a Fundación Plácido Castro grazas á cal se materializou a exposición e a publicación que a completa e que «dá difusión ao legado deste destacado artista do século XX». Neste senso, fixo fincapé no carácter inédito das pinturas analizadas polos autores Ríos e Bernárdez.

Plácido Castro foi etnógrafo en Irlanda, tradutor da poesía inglesa de vangarda ao galego, corresponsal do xornal El Pueblo Gallego e do Jornal de Noticias de Oporto en Londres, impulsor da creación das Irmandades da Fala e un dos fundadores do Partido Galeguista. A mostra estará aberta até o 2 de marzo.