A Consellería de Cultura impulsa a colaboración co Concello de Mos para promover o galego e a cultura local

La Voz MOS

VIGO

cedida

O conselleiro José López Campos mantivo unha reunión con Nidia Arévalo para traballar no fomento da lingua, a programación cultural e a posta en valor do patrimonio do municipio.

03 feb 2025 . Actualizado a las 17:41 h.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse recentemente en San Caetano coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, para avanzar en diversas liñas de colaboración vinculadas co seu departamento. O encontro tivo especial atención nas iniciativas dirixidas ao fomento do galego, á dinamización cultural e á conservación e posta en valor do patrimonio do municipio pontevedrés.

Durante a xuntanza, López Campos amosou o seu firme interese en integrar ao Concello de Mos, como ao resto das administracións locais da Comunidade, na folla de ruta do Goberno galego para impulsar un maior uso e prestixio do galego, ao abeiro do Pacto da Lingua. «O Concello de Mos é un actor clave no proceso de revitalización do galego e, por iso, estamos comprometidos en achegar ferramentas que contribúan a aumentar a súa visibilidade e presenza nas nosas vilas e cidades», destacou o conselleiro.

Ademais, tamén se abordaron posibles vías de colaboración en materia de programación cultural. A través da Rede Adival, a Consellería de Cultura continúa traballando para dinamizar a cultura no medio rural, co obxectivo de achegar propostas culturais de calidade a todos os recunchos de Galicia. «Unha das nosas prioridades é que os concellos do rural teñan as mesmas oportunidades culturais que as grandes cidades», afirmou López Campos.

Outro dos temas destacados na reunión foi a celebración da Festa da Rosa en Mos, un evento que foi declarado de interese turístico. A Consellería de Cultura comprometíuse a apoiar a súa organización e a colaboración en futuras edicións para consolidar este evento como un referente na programación cultural galega.

Con este encontro, tanto a Consellería de Cultura como o Concello de Mos reforzan o seu compromiso mutuo para seguir traballando na promoción da cultura e do galego, ao tempo que afianzan lazos de cooperación que beneficiarán a toda a comunidade local.