![](https://img.lavdg.com/sc/a-I3QO-ApdfrFe_IJhfjkCAJL94=/480x/2025/02/08/00121739011622544873335/Foto/v_20250208_100202000.jpg)
A actriz dirixe o seu traballo a un público adulto dentro da programación do Fitavi
09 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Festival Internacional de Teatro de Ártika (Fitavi) ofrece hoxe, ás 20.00 horas na sala de Beiramar, 113, a estrea de Chegar e encher, de Inventi Teatro. Nesta ocasión todo o traballo recae en Bea Campos. Ela escribiu e dirixiu a obra, e agora, vaina defender sobre o escenario. «É o meu punto de vista sobre a vida», dixo a actriz de Cotobade en Radio Voz para referirse a Chegar e encher.
É un monólogo cómico dirixido a público adulto que presenta altas doses de improvisación. «Fun recortando anaquiños da miña vida, cousas que me foron sucedendo e que eu precisaba coñecer máis a fondo», explicou a actriz.
Chegar e encher é un canto ao fracaso. «A historia nace do momento en que eu teño por primeira vez visión do futuro. Eu quería, ao chega a miña idade, ter dous fillos, pero non. Que fixen da miña vida?», dixo Bea Campos para situar esa idea de fracaso nas expectativas de vida. «Paréceme moi catártico falar do fracaso, así que a partir de aí imos camiñando porque na vida non é chegar e encher, hai que roelo», sinalou a actriz.
Chegar e encher propón unha reflexión ácida e divertida sobre a imposibilidade de controlar as nosas vidas e a dificultade de encaixar nos roles de xénero marcados. A estrea será as 20.00 horas. O monólogo ten unha duración aproximada de 50 minutos, e as entradas, na billeteira da sala, custan 14 euros.
O Festival Internacional de Teatro de Ártika continuará a vindeira fin de semana coa presenza da compañía chilena La gaviota podcats. A súa proposta escénica é Yo duelo. É unha historia de ficción onírica na que o teatro convértese nunha ponte entre a memoria e a curación. A obra chegará a Ártika o sábado 15 de febreiro ás oito da tarde. A programación da fin de semana complétase con Improversados e o seu espectáculo Épica Vulgaris, un espectáculo de improvisación que combina o grandilocuente e o cotián en historias hilarantes e fantásticas. A función comezará ás oito da tarde do domingo 16 de febreiro. A entrada é de 14 euros.