
O museo etnográfico vigués prepara a chegada do entroido con actividades específicas
10 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Museo Liste (Pastora, 22) inicia unha serie de actividades centradas no entroido, que este ano ven máis tarde do habitual. Dentro do ámbito das exposicións temporais, dende o 18 de febreiro ata o 8 de marzo poderase ver Máscaras rituais. Está enmarcada nas celebracións das festas cíclicas anuais. O museo exhibe a colección de máscaras e toucados de entroido e rituais que posúe, complementadas con préstamos temporais. O Cigarrón, o Peliqueiro, a Pantalla, o Merdeiro, Madamas e Galáns oo o Irrio serán os protagonistas da mostra situada na sala de a madeira escavada.
Como complemento, o museo organiza unha serie de actividades dirixidas a grupos escolares. Haberá unha parte teórica dedicada as máscaras de entroido, con especial atención aos aos Vixigueiros de Paderne e Follateiros de Lobios.
Os grupos, escolares de entre 3 e 16 anos, recorrerán a exposición acompañados polo persoal do museo, e, finalmente, participarán nun obradoiro de reprodución dalgún dos elementos das referidas máscaras.
Pero o Museo Liste mantén outras actividades, como é a reinterpretación que fai Rebeca Lar das corozas empregadas como elemento estigmatizante pola Inquisición. Na obra, aparecen bordadas con textos do Malleus Maleficarum que proclamaba o carácter maléfico feminino. Reflexiona sobre o papel das mulleres acusadas e cuestiona estereotipos de xénero vinculados coa figura da bruxa condenada, en moitas ocasións, pola súa participación no eido da menciña popular. Enmárcase na liña de investigación teórico-artística da artista, centrada na linguaxe, a memoria e os estudos de xénero, desenvolvendo unha serie de obras de carácter feminista co bruxesco feminino como marco conceptual. Está activa ata o 30 de xuño.
A comunidade escolar tamén pode participar en tres actividades especiais. Están relacionadas cos sons dos traballos tradicionais; unha actividade que vincula a etnografía e a arte, que dirixe Mariano Marcos Abalo; e outra relativa ao enigmático mundo dos códigos.
Ademais, o museo ten unha espléndida e grande colección de pezas etnográficas que axudan a entender o pasado de Galicia.