O IES Beade e unhas máscaras de Entroido que unen ciencias con letras

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez VIGO / LA VOZ

VIGO

Pedro Rodríguez

Un proxecto do instituto de Vigo gaña un premio de innovación educativa

25 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O vestíbulo do IES Beade de Vigo está custodiado por 21 máscaras de Entroido. Hai unha pita de Eiroás (Ourense), un boteiro de Vilariño de Conso e outro de Viana do Bolo, un vergalleiro de Sarreaus, un irrio de Castro Caldelas, unha mázcara de Manzaneda e outra de Buxán, unha bonita de Sande, un peliqueiro de Laza, unha madama de Cobres, unha pantalla de Xinzo, unha morena de Laza, unha gárgola de Celanova, un oso de Salcedo, unha máscara de Campobeceiros, un galo de A Mezquita, un vixigueiro de Samede, un vellarón de Castrelo, un xeneral do Ulla, un follateiro de Lobios e un merdeiro de Vigo. Cada unha delas foi deseñada polo alumnado do instituto dentro dun proxecto que implicou varias materias de letras e ciencias e que vén de ser recoñecido pola Xunta con un premio de innovación educativa.

«Este proxecto nace coa idea de que os rapaces descubriran o legado e a riqueza do noso Entroido», lembra Silvia, a profesora de galego, que, en pouco tempo, viu como o proxecto ía crecendo departamento a departamento ata converterse nunha tarefa que uniu varios cursos e materias. Parte do alumnado investigábao sobre o pasado e a historia destes 21 entroidos, outros confeccionaban as máscaras co profesor de artes plásticas, Ángel Comesaña, tamén había un grupo que divulgou a tradición da festa galega con alumnos alemáns de intercambio e, por último, tamén se traballaba desde as clases de ciencias varios aspectos relacionados ao patrimonio natural e a reciclaxe. De feito, parte do material que utilizaron para a creación destas máscaras foi confeccionado por estes mesmos alumnos.

«Con este tipo de proxectos aprendemos mellor. É máis divertido e enriquecedor. Facemos cousas que non fixemos nunca», di, Candela, que participou no proxecto no Club de Ciencias. O restos dos seus compañeiros coinciden. «Eu a verdade é que non tiña nin idea de que existían todos estes Entroidos. Foi unha boa experiencia participar así, pero tamén foi difícil... Había que traballar moito en grupo», conta Andros, un dos alumnos que confeccionou as máscaras.

«Con ideas como esta os rapaces aprenden moito e, ademais de traballar coñecementos da materia, tamén practican conceptos máis da vida como o traballo en equipo, o liderado ou a responsabilidade», conta Comesaña, que lembra que desenvolver este tipo de traballos precisa de moito tempo extra que «sacamos dos nosos ocos libres». Os profesores tamén agradecen o premio outorgado pola Xunta, pero María, docente de inglés, lembra «que preferíamos que reformulen o sistema actual para que facer este tipo de proxectas non sexa un exercicio de resistencia e voluntariado do profesorado. Sería un bo paso para mellorar», conclúe a profesora que se encarga do Erasmus.