O pioneiro do Bádminton As Neves

LA VOZ VIGO

VIGO

M.MORALEJO

Un profesor da escola da vila, Manuel Guitián, fundou o club que este ano celebra o seu 25 aniversario

14 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Guitián (Sarria, 1956) é o nome propio do bádminton no municipio de As Neves. Chegou a esa localidade para exercer de profesor no colexio, onde estivo activo entre 1986 e a súa prexubilación, no 2020. Comezou impartindo Matemáticas e, desde 1995, a súa materia foi Educación Física. E de aí vén todo, detalla. «Empezamos a participar co colexio en campionatos provinciais e como íamos progresando, pero non había medios económicos, pedimos axuda a algunhas empresas», relata sobre a prehistoria do Bádminton As Neves, que el mesmo creou.

Grazas esa colaboración, viron que el presuposto alcanzaría para soportar as viaxes e as fichas e foi así como tomou forma a idea de fundar a entidade deportiva á marxe do centro escolar. Foi o primeiro presidente, aparte de adestrador, durante seis anos. Rememora os títulos conseguidos —chegando a copar os primeiros postos dos torneos autonómicos— e que chegaron a ser recoñecidos como o mellor club galego e canteira máis destacada. Máis adiante, virían as chamadas da selección española.

Nas súas clases, practicábanse moito outras disciplinas deportivas como voleibol ou fútbol sala, pero o bádminton era dos que máis gozaban os rapaces e foi polo que se decantou «para intentar sacalos da rúa nunha época na que se empezaba a soltar a droga». Un factor importante foi que «a este deporte podían vir todos, bos e malos, non coma no fútbol, que todos queren e hai que facer unha selección», quedando algúns fóra. Tamén tivo en conta «os duros invernos en Galicia» e que podían estar a cuberto no pavillón.

Lembra Guitián que todo supuxo «un esforzo moi grande», pero tanto os mozos coma seus pais estaban moi animados e tiraron cara adiante co proxecto. «Tamén foi un risco, saía cos rapaces fóra, pedíamos ao Concello un autobús para desprazarnos», engade. «Pero pasábano ben», relata. Ademais, el gozaba tanto coma os deportistas: «O bádminton engancha. Empecei a ser adestrador, estás aí cos rapaces, anímalos...».

O segredo de que os resultados chegasen tan pronto é, precisamente, que «tiña a todo o colexio enganchado». E mentres, el «facía de todo» no club. «Entraba para dar clase ás 9.00 e ata as once ou as doce da noite, non saía do pavillón e chegaba a casa», detalla. Por iso acabou por deixalo. «Xa non tiña vida familiar. Chegaba o venres e tiña toda a fin de semana de campionatos, ás veces, chegando ás tantas a noite do domingo. Foi un sacrificio enorme durante moitos anos», valora. Marchou, iso si, cando tivo a certeza de que deixaba o club en boas mans. «Foi nun momento no que estaba arriba, cando ascendemos á primeira división nacional de bádminton, e vin que podía seguir só. Eu dei todo o que tiña, traballando ata doce horas diarias», sinala.

Revela que naqueles inicios tivo que afastarse e deixar de ir polas instalacións, porque do contrario, sabía que corría o risco de engancharse novamente. «De cando en vez, hai que desconectar, pero vivino con gran satisfacción, vendo que o club era economicamente factible», indica. Ademais, leva anos á fronte unha persoa na que confía plenamente, como Pablo Méndez. E unha vez xubilado, pensou en regresar para axudar, pero daquela caeu enfermo e continúa actualmente en tratamento. «Se me recupero, gustaríame volver, agora que me aburro na casa. Non a nivel de directivo e de xestión, pero si para estar aí e botar unha man no que se poda», afirma. No Bádminton As Neves sempre souberon que «poden contar» con el para o que sexa.

E non foi o único equipo deportivo da zona que contou cos seus servizos. «Fun tesoureiro do club de fútbol das Neves durante dez ou doce anos, colaborando na directiva», aínda que cando se meteu no bádminton, e sumada tamén a súa tarefa docente, era complicado compatibilizalo todo. «Chegou un momento no que xa non podía máis», admite este pioneiro.

O gusanillo do bádminton, ademais, contaxioullo á familia, cunha filla xogando e a súa dona como afeccionada. Lucía Guitián forma parte do grupo dos deportistas que acadaron as primeiras medallas, xunto con outros como Javier Rodríguez, Arantxa Pintos, Brais Alves, Bruno Moldes ou David Durán, recita sen querer esquecerse de ninguén. Pero o gran nome propio deste club é Lucía Rodríguez, actualmente en activo e con importantes éxitos internacionais ás súas costas. «Aínda que vive en Salvaterra, os avós son de aquí e coñecémola de toda a vida. Estamos moi orgullosos», expresa.

Guitián séntese recoñecido por todo o que deu polo deporte no municipio das Neves. «Vin moitos rapaces progresar e eu nunca pensei que se chegase tan lonxe. Con sacalos da rúa, estaba conforme. Era o obxectivo principal, que tivesen esa ilusión por facer deporte despois das clases», subliña. Non imaxinou que aquel club que fundou fose perdurar tanto no tempo —«era o que quería, pero tiven as miñas dúbidas», recoñece—. Este ano, acadan os 25 con Pablo Méndez e Andrea Fernández á fronte e tendo moi presentes a quen comezou todo: Manolo Guitián Seijido.