
Ata o 29 de xuño permanecerá a exposición Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza na Casa Galega da Cultura. É unha iniciativa da Fundación Penzol coa que quere festexar o oitenta aniversario da publicación de Sempre en Galiza, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a constitución en Bos Aires do Consello de Galicia, un goberno no exilio que foi presidido polo poliédrico rianxeiro.
Editorial Galaxia, a través da empresa Merlín Comunicación, encargouse de materializar o percorrido trazado por Henrique Monteagudo mediante paneis informativos e materiais bibliográficos e documentais pertencentes aos fondos da Fundación Penzol. Entre os documentos que se amosan está a carta, datada en 1939, pola que os representantes do Partido Galeguista en Arxentina nomearon a Castelao presidente da formación, así como a resposta deste animándoos a seguir loitando polos dereitos de Galicia. Tamén se poden ver varias edicións de Sempre en Galiza, entre elas a primeira e do ano 1961.