








O colexio Montesol de Vigo promove esta actividade en primeiro e segundo de primaria
17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.No colexio Montesol de Coia apostan por un sistema educativo no que os nenos tamén poidan aprender practicando e vivindo experiencias. O centro participa dende hai un tempo no programa Voz Natura, que lle sirve de fío condutor para todas as actividades relacionadas coa natureza. No propio centro teñen unha horta na que os nenos aprenden a traballar na terra acompañados polos seus avós «para formentar ese traspaso de coñecementos xeracionais», explica o seu director, Javier Ojea.
Nestas xornadas compartidas os nenos aprenden a realizar varias tarefas. Teñen que coidar e sementar diferentes especies, realizan tamén talleres de estampación, confección de pequenos muíños de vento, de pintado de bancais e de elaboración de bolsas de sementes. Unha aprendizaxe común que fai da xornada de traballo unha festa. Durante estas mañás hai nenos que regan as plantas xunto aos seus avós, outros que traballan cos angazos na terra e, tamén, uns que presumen de muíños de vento xunto aos seus compañeiros. Na actividade participan 22 alumnos de primeiro e segundo de educación primaria.
No colexió Montesol tamén desenvolven con Voz Natura outras actividades na contorna como saídas para ir plantar árbores e recollida de residuos nas praias. O director destaca tamén que parte de eses materiais que recollen nos areais logo son utilizados nos talleres de robótica que teñen no centro. Unha maneira máis de fomentar sostibilidade e o coidado da natureza entre os máis pequenos.