
Hoxe haberá concertos e será a entrega de premios
24 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Onte o festival de Cans celebrou un dos seus días grandes enchendo o Torreiro da parroquia co coloquio dos actores Tamar Novas, María Vázquez, Lucía Veiga e Nerea Barros e coa homenaxe a Alfonso Zarauza. O cineasta, Premio Pedrigree deste ano, protagonizou un encontro no Torreiro, antes de deixar a súa estrela no famoso Torreiro das estrelas de Cans. O festival organizou o encontro en conmemoración dos seus 30 anos como cineasta. Á súa homenaxe sumáronse a entrega dos chimpíns de prata a Uxía, Nerea Barros e Adriano Campos.
O festival despedirá hoxe a súa última xornada cunha programación igual de completa. A partir das 10.00 horas comezarán os pases das curtas a concurso nos distintos espazos habilitados para as proxeccións. Ás 12:00 haberá un coloquio no Torreiro cun dos invitados máis destacados desta edición, o director Daniel Sánchez Arévalo, que despois deixará a súa pegada no Torreiro das Estrelas e que mostrará en exclusiva as primeiras imaxes do seu último filme, Rondallas, rodado en Galicia con numerosos actores galegos no reparto.
Pola tarde, continuarán as proxeccións da seccións oficiais e terán lugar distintas actuación musicais como as de Abril, Guadalupe Plata e DJ Itrynottothink no Torreiro de Cans; Susana Seivane e Lúa Mosquetera no Invernadoiro e A banda da loba, Santero y los muchachos e Serial Killerz no espazo Estrella Galicia Leira do Río. Antes celebrarase neste mesmo espazo a gala final de entrega de premios do festival.
Durante a tarde destaca, ademais da entrega de premios, a estrea do documental Son Seivane, que percorre a traxectoria dunha artista que comezou o seu camiño en 1999, «en pleno boom das gaitas», cun disco que a comezou a expoñer coma un «nome imprescindible da música tradicional». Despois do documental, Seivane ofrecerá o seu primeiro concerto en Galicia tras un ano afastada dos escenarios. O festival de Cans súmase así á homenaxe polos seus 25 anos no mundo da música. Tocará Sete, o seu séptimo álbum, no que a gaiteira «achégase a enfoques contemporáneos, máis sonoros e vibrantes, cun contido máis grave e poderoso, pero sen perder a esencia da autenticidade da súa interpretación». O acto será ás 20.30 horas no espazo Invernadoiro que hai no festival.