O monumento ao alcalde e médico heroico de Mondariz cumpre cen anos

VIGO

Rodriguéz Fornos faleceu en 1923 tras atender un parto cando estaba ferido

16 ago 2025 . Actualizado a las 02:14 h.

«Maio de 1923. Un doutor de Mondariz especializado en tocoloxía é chamado para axudar a parir a unha veciña sen recursos; malia que tiña un corte na man provocado por un arame da viña, non renunciou a atendela, o que lle provocou unha infección que lle acabaría provocando a morte. Chamábase Maximino Rodríguez Fornos e tiña 69 anos». Así explica o arqueólogo mondarizán Alberte Reboreda á orixe do monumento ao médico que preside o centro de Mondariz. Hoxe, ese monumento esculpido polo artista Francisco Asorey cumpre cen ano.

«Dous anos máis tarde, o 15 de agosto de 1925, foi inaugurada en Mondariz a escultura dedicada ao galeno que morreu por axudar a nacer a un cativiño anónimo. Rodríguez Fornos (1854-1923) foi alcalde de Mondariz durante 15 anos e médico do distrito ao longo de 35. Tamén exerceu de director médico do desaparecido Balneario do Val desde 1903. Como doutor combateu, moitas veces xunto co seu fillo, o tamén médico José Rodríguez Sobrino, as enfermidades da época: a varíola, a difteria e a gripe. Destacou sempre polo seu compromiso humanitario, atendendo sempre ás persoas doentes máis humildes», explica Alberte Reboreda.

A inauguración do monumento tivo lugar o 15 de agosto do ano 1925. Foi un acto multitudinario que congregou a importantes personalidades da época. Apunta Alberte Reboreda que acudiron a Mondariz representantes do colexio médico provincial e o gobernador civil. Tamén estivo presente Luís Blanco Rivero, reitor da Universidade de Santiago de Compostela. En representación local estivo Ramiro Vidal Carrera, alcalde da vila. «A heroicidade da súa morte, xunto coa súa obediencia política ao ministro ponteareán Gabino Bugallal, de ideoloxía monárquica conservadora, explican a labra deste magnífico monumento erguido por subscrición popular que hoxe cumpre un século de vida», explica Reboreda.

O experto na historia de Mondariz recorda que Maximino Rodríguez tamén foi alcalde da localidade durante un longo período de quince anos e que, xunto coa familia Peinador, propietaria do veciño Balneario de Mondariz, o heroico médico tamén traballou pola construción da liña de tranvías que terían que unir Mondariz e Vigo, e «incluso foi subscritor minoritario da empresa —da que era accionista principal a Sociedade Hispano-Belga—, á que achegou 10.000 pesetas do seu peculio».