Museo de Historia de Vigo: Castrelos ou Verbum?

Rafael ojea pérez VIGO

VIGO

M.MORALEJO

A alternativa natural, lóxica e culturalmente máis xustificada é a ampliación do Quiñones de León

21 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A decisión do Concello de Vigo de situar o futuro Museo de Historia da Cidade no edificio do Verbum, en Samil, representa unha oportunidade perdida para artellar un proxecto museístico coherente co relato histórico, patrimonial e simbólico da cidade. A alternativa natural, lóxica e culturalmente máis xustificada é a ampliación do actual Museo Municipal Quiñones de León, situado no Pazo de Castrelos. Esa ampliación permitiría transformar o espazo nun gran Museo de Historia da Cidade, integrado nun contorno único que concentra elementos representativos de case todas as etapas da historia de Vigo, desde os petróglifos neolíticos ata a arquitectura funeraria contemporánea.

O futuro Museo de Historia debe nacer e medrar no lugar onde a memoria da cidade xa se conserva, se exhibe e se vive. O ámbito de Castrelos constitúe, posiblemente, o mellor exemplo dunha paisaxe cultural viva en Vigo. Dentro dun radio de pouco máis de un quilómetro consérvanse elementos de distintas épocas que permiten unha lectura cronolóxica continua da ocupación humana do territorio: un petróglifo, dous castros, unha igrexa románica, dúas pontes medievais, dúas igrexas barrocas, dous pazos, cruceiros históricos, un auditorio ao aire libre, o Museo Etnográfico Liste... e, no centro de todo, o Museo Quiñones de León, parque e xardín histórico declarados Ben de Interese Cultural.

Este conxunto é un tecido patrimonial coherente, con capacidade de ofrecer un percorrido inmersivo pola historia da cidade. É un espazo onde o visitante pode experimentar fisicamente a superposición de épocas históricas nunha contorna de alta calidade paisaxística e ambiental.

Todo este patrimonio está, ademais, vinculado historicamente ao museo municipal, creado no propio Pazo e que desde hai décadas alberga coleccións de arqueoloxía, arte e historia local. Este museo non é alleo ao territorio: é o resultado dunha longa tradición de investigación, protección e divulgación da historia viguesa.

A elección do edificio do Verbum como sede do futuro Museo de Historia da Cidade, resulta dificilmente xustificable desde criterios museolóxicos, urbanísticos ou simbólicos. Trátase dun contedor deseñado nos anos noventa como espazo cultural para actividades divulgativas arredor da linguaxe, que nunca logrou consolidarse como equipamento museístico relevante. A súa arquitectura pechada, afastada do centro urbano, e a súa localización nunha contorna eminentemente lúdica e de praia, fanno inaxeitado para este uso. O Verbum carece de relación histórica ou funcional co que se pretende transmitir. Non existe nas súas inmediacións ningún elemento patrimonial que poida dialogar co contido dun museo de historia. É, pois, un exemplo de espazo desconectado da memoria histórica da cidade. 

Ruptura coa tradición

A aposta polo Verbum supón unha ruptura coa tradición museística consolidada en Castrelos. Desprazar os seus fondos non só implica unha deslocalización do contido, senón tamén unha perda de coherencia territorial e unha fragmentación do relato museístico. Un museo de historia precisa contexto. Precisa pegada, memoria, identidade. E nada diso se atopa en Samil. Pola contra, a proposta alternativa que aquí se defende baséase na análise sosegada e racional das posibilidades do espazo e do valor engadido que achega a súa localización. O xardín do Pazo de Castrelos conta cun amplo sector de pradería, sen arborado, no extremo leste da finca histórica — antigas hortas do Pazo—, que presenta unhas condicións óptimas para a construción dun novo edificio semisoterrado. Esta zona permite unha intervención arquitectónica singular, respectuosa, con moi baixo impacto visual, ao manter a actual cuberta vexetal, que podería recuperar a función de pradería e integrar elementos de deseño contemporáneo funcionais ás necesidades dun novo edificio baixo terra. A maiores, a zona de aparcamento e rotonda de entrada ao Xardín constitúe outro espazo para unha posible ampliación. Trátase dunha oportunidade clara para realizar unha actuación harmónica, coherente coa tradición museística de Castrelos e capaz de acoller non só as coleccións existentes, senón tamén novos espazos expositivos e complementarios comprensivos do conxunto da historia e patrimonio cultural da cidade.

Esta intervención permitiría artellar un museo contemporáneo, accesible e funcional, ao tempo que mantería a continuidade espacial, histórica e simbólica do museo orixinal. Dotaríase así á cidade dun equipamento cultural de primeira orde, perfectamente integrado nun ecosistema patrimonial único e conectado directamente co pasado que se pretende mostrar.

O traslado do futuro Museo de Historia ao Verbum é unha decisión que racha coa lóxica da memoria e ignora o valor acumulado durante décadas en Castrelos, tanto en termos de coleccións como de contorno, tradición e simbolismo. Un Museo de Historia da Cidade non pode ser un artefacto illado nun espazo sen memoria, sen pegada e sen relación cos procesos históricos que se pretenden amosar. Pola contra, debe ser o corazón dun territorio que respira historia, que conserva as súas capas, que permite o paseo reflexivo e a vivencia integrada. Castrelos non é unha opción máis: é o lugar natural para o Museo de Historia da Cidade.

* O autor deste artigo de opinión, Rafael Ojea Pérez, foi funcionario técnico superior de Cultura e Educación do Concello de Vigo, xefe do Servizo de Patrimonio Histórico, e do Servizo de Educación e director da EMAO. Actualmente está xubilado.