Carmen Vidal Valiña gaña o Premio de narrativa breve Repsol

VIGO

M.Moralejo

A novela ten por escenario a illa de San Simón en dous tempos cronolóxicos diferentes 

01 oct 2025 . Actualizado a las 13:02 h.

Carmen Vidal Valiña (Baio, A Coruña, 1985) é a gañadora da XIX edición do Premio de narrativa breve Repsol en Lingua Galega, que esta valorado en 12.000 euros e será publicado o vindeiro mes pola Editorial Galaxia. O voceiro do xurado, Fran Fernández Davila, destacou da novela gañadora, presentada baixo o título A illa que supura sangue, «a súa habelencia para nos mergullar nun xogo de espellos temporais que dunha banda nos traslada aos difíciles días da inmediata posguerra e ao mundo dos represaliados e, doutra parte, sitúanos nun presente convulso coa simbólica illa de San Simón como escenario».

O xurado, composto por Marcos Calveiro, Fran Fernández Davila, Dolores Sánchez Palomino, Armando Requeixo Cuba e María Álvarez Landesa, destacou que a obra «está escrita cunha prosa de fino burilado e tinturas líricas, esta narración ábrese tamén á intriga coa desesperación dunha das protagonistas, misterio que nos levará ata un final que, de seguro, lle resultará a quen lea tan sorprendente coma desacougante».

Nesta convocatoria foron presentados 43 escritor inéditos.

Ao acto de lectura da resolución do premio acudiron o secretario xeral de Lingua, Valentín García; a xerente de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, Mercedes Gómez Badiola; o director xeral da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo; e mais o membros do xurado Fran Fernández Davila e Marcos Calveiro.

Valentín García destacou a responsabilidade social amosada pola Fundación Repsol ao implicarse na consolidación do sistema cultural galego co seu respaldo a este premio, e afirmou que «a cultura galega non coñeceu nunca un momento mellor ao actual».

Unha vez coñecida a resolución do xurado, Galaxia comezará agora a preparar a edición do libro gañador para que estea no mercado nas primeiras semanas de novembro. «Temos que falar coa autora para ver se o libro sae co título co que foi presentado ao premio ou con outro», sinalou Xosé Manuel Soutullo.

Carmen V. Valiña é doutora en Historia Contemporánea, profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes e creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismo as alternativos. Combina a investigación sobre a memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX  cunha vertente como escritora de ficción onde as lembranzas, o mundo rural e a autobiografía teñen un peso notable. Escribiu e publicou sobre xornalistas españolas en Oriente Medio e sobre as emigrantes da Terra de Soneira en Suíza, pero dende 2021 especializouse nas historias das mulleres internas de Conxo. Froito dese traballo é o seu ensaio As tolas que non o eran (2025, Galaxia).