O crítico Ramón Nicolás é agasallado cun libro colectivo no que é o protagonista

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

XOÁN CARLOS GIL

O mestre do IES Castelao vén de prexubilarse para centrarse no eido literario

09 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é habitual que un profesor de ensino medio sexa agasallado, co gallo da súa prexubilación, cun libro no que é o protagonista e foi escrito por algúns dos primeiros nomes da literatura galega, coma Víctor F. Freixanes, Marilar Alexandre, Dolores Vilavedra ou Pedro Feijoo xunto a outros trinta autores e autoras máis. O agasallado, e ao mesmo tempo homenaxeado, é Ramón Nicolás (Vigo, 1966), mestre ata hai nada de Lingua e Literatura Galegas no instituto de ensino secundario Castelao de Vigo, pero tamén escritor e crítico literario de La Voz de Galicia.

«Nunha viaxe de traballo que fixera con Xesús Alonso Montero [falecido o pasado febreiro aos 97 anos], preguntoume pola miña situación laboral, ao que eu lle respondín que tiña a idea de prexubilarme ao rematar o curso 2025-26», lembra o escritor do Calvario para situar o comezo desta historia. «El díxome que habería que facer un libro de homenaxe e, como é algo pouco habitual, eu contesteille que non era merecente, pero Alonso Montero comezou a mover os fíos, así que el foi o responsable do agasallo», engade Ramón Nicolás.

Xoán Carlos Domínguez Alberte e Patricia Arias Chachero asumiron a coordinación do traballo e contactaron con escritores e escritoras próximas ao crítico literario. «Creo que a maior parte das persoas coas que contactaron se sumaron moi xenerosamente ao proxecto, aínda que algún non puido por motivos laborais», di, aínda que tamén, unha vez publicado o libro, soubo de xente á que lle tería gustado participar neste proxecto.

Sen indicacións previas

O contido dos trinta e catro textos é moi variado porque non había ningunha indicación prioritaria. Iso deu lugar a que os participantes entregaran relatos curtos, composicións poéticas, textos ensaísticos e tamén achegas próximas a momentos biográficos de Ramón Nicolás. «Hai algunhas persoas que incluso tamén mesturan todo, porque hai algún relato, como por exemplo de Fran Alonso, que é ficción, pero non de todo, quero dicir, hai elementos que son de verdade», sinala o xa mestre prexubilado.

Tampouco quedou fóra do libro a visión de alumnos e alumnas da súa etapa docente no Cuvi e no IES Castelao. Foi esta a parte que máis sorprendeu a Ramón Nicolás porque «un non se dá conta da maneira que ten de traballar ou de como pode influír no comportamento ou en determinados puntos de vista ou para o futuro desas persoas», di con certo orgullo de quen tratou de facer ben o seu traballo. Para engadir: «Este é un libro de amigos e de afecto». Nese ámbito, o homenaxeado ten un recordo tamén para Bieito Ledo, o editor que lle fixo caso á recomendación de Xesús Alonso Montero e publicou o libro a través da súa fundación.

Ramón Nicolás tería que empezar hoxe o novo curso escolar se non decidira prexubilarse. Comezaría unha rutina na que estivo envolto durante varias décadas. No entanto, recoñece que ten tantos proxectos abertos no eido literario que non tivo máis que pequenos recordos de como eran os inicios de curso. «Estou na felicidade de poder facer investigación, libros, proxectos relacionados coa literatura galega ou facer a crítica dun xeito máis tranquilo, porque levo moitos anos coa lingua por fóra. É diferente o ritmo co que un pode facer as cousas agora», conclúe.

O escritor traballou na escolma poética censurada a Alonso Montero

Toda a historia do libro agasallo vén, coma xa dixo o protagonista, dunha viaxe de traballo con Xesús Alonso Montero, falecido hai uns meses. Foi o comezo dunha colaboración entre os dous para recuperar un libro antigo. Trátase de Trinta anos de poesía crítica. 1936-1966. Estudo e escolma. Foi escrito por Xesús Alonso Montero no ano 1966 para recompilar a poesía social galega desde a guerra civil ata aquel momento, pero non pasou o trámite da censura da época.

«É un libro interesante no sentido de que se trata dun traballo de antoloxía poética, pero de corte social, que Alonso Montero traballou durante algún tempo e que quixo publicar no ano 1966 sen éxito», explica Ramón Nicolás. «O texto está tal cual o escribiu, pero cunha introdución que fixo para esta mesma edición o propio Xesús e outra que fixen eu. Eu creo que, aparte de que hai algúns poemas moi pouco coñecidos de moitos autores, un dos valores que ten é o extraliterario, é dicir, o social de amosar como estaban as cousas desde o punto de vista das liberdades persoais e colectivas nos anos 60», conclúe o autor e crítico.

O libro recolle referencias biográficas e literarias, así como algúns poemas de trinta e un autores, entre os que se atopan, Ramón Cabanillas, Euxenio Novoneyra, Xosé Luís Mendez Ferrín, Xosé Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Bernardino Graña ou Manuel María.