O Concello de Cambados leva de excursión aos seus maiores a Baiona e A Guarda

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

BAIONA

Baiona será unha das paradas na excursión
Baiona será unha das paradas na excursión Oscar Vázquez

A viaxe será gratuíta o día 25 aínda que os asistentes terán que pagar o xantar

14 jun 2025 . Actualizado a las 19:09 h.

A concellería de Terceira Idade Cambados que dirixe Tino Cordal está a organizar unha nova excursión para as persoas maiores, neste caso ás vilas de Baiona e A Guarda para o mércores 25 de xuño. Ao igual que en ocasións anteriores, para poder inscribirse é necesario figurar no padrón de habitantes e ter cumpridos os 60 anos.

O prazo de inscrición ábrese este mércores 18 e os interesados deberán dirixirse ao despacho da concellería de Terceira Idade situado no primeiro andar da Casa do Concello,a onde será preciso acudir co documento de identidade.

A viaxe en autobús será financiada polo Concello, mentres que os excursionistas terán que facerse cargo do prezo da comida reservada xa nun restaurante en Baiona (25 euros). A saída está prevista para as 9.30 da mañá dende a estación de autobuses e a chegada de volta en Cambados será arredor das 19.30 horas da tarde. No itinerario figura a contorna do parador de Baiona e o Monte de Santa Tegra, onde hai un castro e fermosas vistás á desembocadura do río Miño.