Barco negro

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

CANGAS

GRUPO NORES

20 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Así se titula o fado que Amalia Rodrigues fixo popular en 1950. Barco negro. A namorada fica na praia vendo marchar o seu amor, que naufraga no mar, como nas antigas cantigas medievais (Martín Codax, Meendinho, Johan de Cangas, Nuno Treez…). O mar amigo e o mar inimigo. O mar da luz e das longas travesías, mais tamén o mar do castigo nos poemas de Xesús Franco («Contra mar», «Matade o mar»), o mar da soidade infinita no versos de Manuel Antonio... Xavier Queipo, un dos nosos máis esixentes narradores, coñece moi ben estas travesías, incluídos os mares de Terranova, de tráxica actualidade. Na súa condición de inspector da Unión Europea para cuestións pesqueiras, navegou os caladoiros onde dende hai tantos anos traballan os galegos. Mais dunha vez ten dado conta do seu esforzo, dos seus perigos e dos seus sacrificios.

O meu tío Alfredo andaba nas plataformas e nas grandes factorías dos conxeladores. Os que nacemos nas rías sabemos do risco das nosas xentes, da angustia das familias que teñen os seus homes, irmáns, país, fillos e amigos nas cubertas das grandes máquinas flotantes, cada vez máis preparadas tecnoloxicamente, mais sempre sometidas á bravura cando non ao capricho dos océanos. En polo menos dezaoito caladoiros andan os barcos galegos de gran altura, ás veces con empresas propias e outras veces en sociedades mixtas, participadas en distintos países: dende o bacallao, o fletán ou a cabra de altura de Terranova e Islandia ata a pescada das Malvinas, Chile, Angola e Sudáfrica ou o atún do Pacífico. A metade da pesca española e a cuarta parte da que se desembarca en Europa procede de portos galegos ou vén xestionada por empresas pesqueiras galegas. Mais velaí o prezo.

Hai anos encargueille a Valentín Carrera un libro sobre os pescadores do Gran Sol, o mar dos celtas, un dos caladoiros históricos da nosa xente. Así naceu a novela Río Sil (1990), crónica daquelas mareas. Bernardino Graña é autor dalgúns dos máis grandes poemas inspirados neste mundo. «Profecía do mar» (1966) é un laio cheo de forza, que respira autenticidade, dedicado en parte aos seus amigos e veciños de Cangas, Aldán, O Morrazo, Marín, os mesmos que acaba de perder a vida entre os xeos da costa canadense. Antonio García Teijeiro, que tamén sabe desas singladuras, escribía en 2017: «Perdéronse uns mariñeiros/ quizais no ventre do mar…», pensado nos lectores novos. Poemar o mar mereceu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil ese ano. Evoco as nosas letras e os nosos escritores porque non atopo outra maneira de sumarme á dor terrible dos que se foron diante das costas de Terranova e, sobre todo, a ferida inconsolable das suas familias. «Polo escuro do mar que vos contruba», escribe Barnardino, «aínda hai peixes de lus nos seus abrigos, / mariñeiros de Cangas, meus amigos,/ meus irmáns de salitre e sol e chuva».