Unha colección de Xan Leira viaxa desde o Museo do Gravado de Artes ata Cangas
CANGAS
A exposición inaugúrase hoxe ás sete da tarde
19 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe ás 19.00 horas será inaugurada na sala Ángel Botello da casa de cultura de Cangas unha exposición integrada por medio cento de estampas realizadas por Xan Leira que forman parte dos fondos do Museo do Gravado de Artes. A mostra leva por título 807/36 memorias gravadas, facendo referencia ao número da causa instruída contra os avós maternos do artista pola súa resistencia ao levantamento franquista de 1936.
Estes gravados poden ser entendidos como unha recreación contemporánea dos vellos documentos que foron instruídos polo franquismo contra o conxunto da cidadanía. O emprego de diferentes técnicas para o estampado e recursos gráficos, sobre papeis tratados dun xeito moi persoal, converten esta mostra nunha recreación de dita etapa histórica.
Xan Leira, produtor e director de cinema, amosa nesta ocasión outra faciana creativa xurdida cando aprendeu con seu pai os segredos das artes gráficas na imprenta familiar. Os 42 gravados que reúne a colección están dispostos en 28 pezas, un mural conformado por oito obras e unha instalación de media ducia de estampas máis.
A exposición complétase cun catálogo, que se presenta como un xornal de 48 páxinas que mantén as coordenadas estéticas da mostra e reúne as colaboracións de Luís Antonio Pérez Barral, presidente da fundación que xestiona o Museo do Gravado de Artes; Adolfo Pérez Esquivel, Premio Nobel da Paz e artista plástico; Xoán Pastor Rodríguez, director do Museo do Gravado; Leonardo Rial, director do Taller Experimental de Obra Múltiple Contemporánea; Néstor Goyanes, gravador arxentino; Carlos L. Bernárdez e Xan Leira.