Vinte anos traducindo os éxitos universais ao galego dende Cangas

La Voz CANGAS / LA VOZ

CANGAS

XOÁN CARLOS GIL

A última Nobel, a coreana Han Kang, está en galego grazas a Rinoceronte

18 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando en outubro do ano pasado se anunciou o Premio Nobel de Literatura á surcoreana Han Kang, a editorial Rinoceronte decatárase hai tempo da súa obra. A vexetariana fora xa publicado en maio do 2022. Non sen problemas. Traducilo ao galego foi un reto porque non atopaban ninguén que coñecera a lingua de Rosalía e o coreano.

«Pedimos traducila do inglés, pero houbo polémica porque había queixas da tradución nese idioma así que logramos un acordo para facelo dende o castelán. Cando xa estaba todo pechado atopamos por Twitter unha rapaza da Coruña que estaba vivindo en Corea. Foi o seu primeiro traballo e requiriu moito labor de edición pero quedamos moi contentos. Despois púxose tamén cun cómic, Herba», relata Moisés Barcia, director da editorial Rinoceronte, pioneira na tradución da literatura universal ao galego.

O seu bo ollo non rematou na coreana. Cando lle deron o Nobel no 2022 a Annie Ernaux, xa tiñan contratada a tradución de O acontecemento, que saíu publicado só un par de meses despois, segundo recorda Anxa Correa, que se incorporou hai dez anos ao equipo.

Cando o director da editorial comezou hai vinte anos coa tradución, o traballo era unha pequena sección das grandes empresas do sector en Galicia. Para elas traballou durante tres ou catro anos con títulos como O señor dos aneis.

Tamén chegaron clásicos como O Decamerón (Giovanni Boccaccio), pero o retraso na publicación deste último fixo que se propuxera lanzar el mesmo unha editorial para fomentar a novela na súa lingua natal. Esta iniciativa cumpre este ano dúas décadas.

XOÁN CARLOS GIL

Hoxe xa son un referente no mundo editorial e teñen a súa sede en Cangas do Morrazo (onde reside o seu director dende hai varias décadas). Alí traballan directamente seis persoas.

Doce títulos ao ano

O traballo é arduo, segundo lembran en Rinoceronte, e vai dende o descoñecemento da xente sobre as opcións que teñen para ler éxitos universais en galego ata a pouca exposición na maioría das librarías. «En realidade, agora hai outras empresas que se dedican a isto, pero cando empezamos fomos os primeiros. Foron nosas as primeiras traducións do finés, do polaco ou do árabe ao galego», sinalan en Rinoceronte, que conta cunha rede de tradutores que colaboran con eles tanto dende Galicia como dende os países de orixe dos autores. En total publican uns doce títulos anuais, aínda que no 2023 foron quince. Entre eles hai de todo e de todas partes. De feito, puxeron en marcha unha liña de traballo especializada na literatura finesa, pero tras sete ou oito publicacións e por falta de retorno, decidiron pechar esa liña de traballo.

Aínda que están especializados en tradución, a editorial abriu co paso dos anos novas fiestras, como a publicación de autores galegos directamente a través do selo Morgante. Neste caso centráronse no ensaio en galego, posto que aseguran que hai pouca representación. «A última biografía dos Baltar de Ourense é un dos nosos maiores éxitos, vendéronse nun mes máis de mil exemplares. Presentarase en Santiago nuns días», explica orgulloso Barcia.

 

Literatura infantil e dicionario

Esta opción non é a única vía que abriron, conscientes de que a literatura infantil é outra grande oportunidade. Crearon a través do selo Sushi Books un modelo de Rinoceronte que se centra en autores clásicos para nenos e nenas moi coñecidos a nivel mundial, como Roald Dahl. «Sempre nos gustou traballar en varias direccións, tamén tivemos a iniciativa de traducir algúns autores galegos a diferentes linguas. É noso o publicado por Berta Davila en xaponés, por exemplo. Pero foi complicado promover dende Galicia e decidimos pechar esta opción».

Outro dos seus grandes éxitos foi o dicionario Rinoceronte, ao que fan referencia en moitas ocasións nos exitosos vídeos e redes sociais de Dígocho eu, motivo de orgullo para a editorial. Aínda que o proxecto comezou como unha ferramenta de traballo para os empregados desta pequena empresa, o documento con anotacións pasou pouco a pouco a un longo arquivo de Word e despois a unha ferramenta máis cómoda dispoñible en liña para calquera usuario e que actualmente é empregada por dous mil persoas diariamente. Tamén existe a opción en latín-galego e a vantaxe é que se actualiza cada ano, algo que non poden facer coa versión en papel.

Setecentos títulos publicados entre os diferentes selos

Nestes vinte anos de traballo, non foron poucos os títulos que saíron do prelo a través da editorial Rinoceronte. Dende a empresa apuntan a uns 700 libros en total a través dos seus diferentes selos: co principal sacaron 256, con Esplanadi outros 15, Barbantesa e Pulp lograron outros 40 cada un. Pola súa parte Morgante deu 123 obras e a sección de literatura infantil e xuvenil, representada por Sushi, outras 188. A eles sumanse un par de ducias por encargos externos. Grazas a todos eles os datos de facturación anual desta pequena editorial andan polos 200.000 euros nos últimos anos, todo un logro para unha firma que foi froito dos soños dun mozo Moisés Barcia hai xa vinte anos.