A dema do Hío, un culto de fertilidade e un crego armado cunha machada en Cangas

Pedro Rodríguez
pedro rodríguez CANGAS / LA VOZ

CANGAS

XOÁN CARLOS GIL

O artista Camilo Camaño conta a lenda daquela figura da que escribiu Castelao

15 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Os do Hío insultaban aos de Cangas, dicíndolles que foran tirarlle dos collóns ao cabalo da fonte da Igrexa, e os de Cangas aos do Hío dicíndolles que foran tirarlle dos tetos á dema do Hío», lembra o artista Camilo Camaño citando un texto de Antonio Costa Iglesias de agosto do 1974. Faino para lembrar unha figura de lenda que hoxe xa desapareceu: a dema do Hío.

Castelao describíaa así no seu As cruces de pedra na Galiza: «Na igrexa desta feligresía, perto de Cangas, eisiste un retábulo lateral no que se di misa diaria, a costa dunha pía fundación, que mantén un crego de ánimas con salario, casa e horta. No retábulo figúrase o Ceo na cima, o Purgatorio no meio e o Inferno a carón do altar. Neste Inferno ardente fai de demo unha muller de coiro escuro e grandes tetos dependurados, nos que se prenden os fillos, todos eles facendo carantoñas ao público. Este orixinal Inferno dou sona e créto á Dema de Hío, moi invocado nas leiras folklóricas» (sic).

Camilo Camaño indica que moita xente das parroquias de Cangas e de O Hío lembra tes escoitado falar da dema, pero que «poucos afirmaban tela visto». O artista relata unha anécdota recollida da señora Lucinda que dicía que «cando asistían ao catecismo, esta representación era cuberta cun pano, para que non fose visible». Tamén hai outros que a lembra tirada na Casa Reitoral. «Emilio Alfonso Fernández Sotelo, dicía que hai máis de sesenta anos, sendo un neno, tiña visto a referida talla tirada na adega da reitoral, entre outras madeiras abandonadas», continúa. O veciño dicía que a atoparon cando se saltaron aa prohibición de entrar alí e rebuscaban polas figuras e outros trastos que había no lugar.

Camaño tamén lembra que a destrución da figura da dema do Hío débese, segundo Castelao, a «un carraxudo crego, a quen eu coñecín, descobreu que as moitas candeas que se alcendían neste altar adicábanse á Dema e non ás benditas ánimas do purgatorio, e un día o crego, fora de sí, colleu un machado e arruinou o Inferno de Hío», escribe. Camaño indica que o párroco Fernández Sotelo tamén dicía que «o crego daquela estaba farto de que os visitantes de fóra da parroquia, en gran maneira do centro de Cangas, entrasen na Igrexa do Hío, co único fin de facer burla da dema».

Tamén se pensa que a figura de O Hío estaba relacionada con cultos á fertilidade e que se veneraba na parroquia y fóra dela. Sotelo dicía que ata en Portugal. Este tipo de crenzas, moi estendidas en toda Galicia, viven aínda grazas a tradición oral.