O ex Asobal e ex coordinador da base do Cangas Adrián Pumar dirixirá o Asmubal
CANGAS
O club anuncia que ten pechada xa a continuidade do 80 por cento das xogadoras da pasada tempada, con dous regresos moi agardados
23 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Inelsa Solar Asmubal Meaño ten xa relevo para Juan Manuel Costas, o adestrador que guiou o primeiro equipo do club á súa era dourada. Tras catro tempadas consecutivas na División Honor Plata Femenina, o Asmubal fía o seu quinto curso seguido na categoría de bronce do balonmán español aos coñecementos e habilidades do cangués Adrián Pumar. Ex xogador do principal club de balonmán masculino de Galicia, co que xogou dúas campañas na Asobal nos seus tempos de curto, o novo técnico do conxunto meañés chega ao vestiario de Coirón en plena sintonía coa aposta da directiva que preside Silvia Lobato: manterse en categoría estatal apostando forte por contar con moitas xogadoras da canteira.
Logo de deixar o Cangas do Morrazo, Pumar, extremo esquerdo, colgou as botas nas filas do Teucro na tempada 2014/15, logo de contribuír ao seu ascenso á Asobal dirixido entón desde o banco por Quique Domínguez. Técnico de equipos base desde os 17 anos, Pumar centrouse nada máis retirarse en afondar na súa carreira de adestrador. Primeiro, na canteira do Teucro, e desde o ano 2018, de volta á estrutura do Cangas, no que chegou a exercer a coordinación do traballo técnico da canteira cunha breve paréntese para traballar, e conseguir, a salvación da Cañiza na Primeira Nacional masculina como adestrador de recambio no 2023.
Tras un ano sabático, Pumar recibiu a chamada do Asmubal. «Desde a Cañiza, non me xurdira ningunha oportunidade de adestrar en categoría nacional e tiña ganas. Sentía que era o momento. Tiven outras opcións, pero non me convencían como esta, un proxecto bonito, no que poder axudar o club a medrar, sosténdose con xogadoras da casa», declara o novo adestrador do Asmubal.
O 80 % do vestiario, renovado
Pumar foi presentado xa ao groso das súas futuras xogadoras pola presidenta do club, Silvia Lobato. Esta última informou onte de que «temos pechada a continuidade do 80 % do cadro de xogadoras», coas únicas baixas seguras da porteira meañesa Uxía Varela, «que vai tomar un descanso», di Lobato, e a lateral arxentina Sofía Arangio, de volta no seu país. Ademais, o club recuperará as dúas baixas de longa duración que determinaron a modesta última tempada do Asmubal, que pasou de campión a oitavo clasificado. Así, volverán Cárol Ferreira, que deu a luz hai quince días, e Eli Méndez, a quen o 3 de xuño lle sacarán o último tornillo do seu xeonllo operado.