Rubén de Lis aborda a figura de Castelao desde a perspectiva musical: «Foi un himno de resistencia»
GONDOMAR

Achégase ás distintas facetas facendo fincapé na influencia melódica
01 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Divulgar a figura de Castelao tomando como fío condutor a música. Ese foi o obxectivo de Rubén de Lis (Gondomar, 1977) con Celebrando a Castelao. O artista polifacético, unha publicación que forma parte dun proxecto máis amplo no que tamén se inclúen as cancións que este compositor, escritor e terapeuta fixo inspirándose na obra e a vida do rianxeiro. «Para min, Castelao foi un himno de resistencia», apunta.
De Lis achégase ás distintas facetas de Castelao facendo fincapé na influencia melódica. «A súa narrativa é como unha música literaria; os debuxos son como melodías visuais que expresan a alma do pobo galego; a política é un compás de loita, resistencia e esperanza», apuntou na presentación do proxecto, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García; o teólogo Andrés Torres Queiruga, e Xosé M. Reboiras. O escritor resalta na publicación que Castelao «atopou na música popular galega unha fonte de inspiración que influíu en todos os aspectos da súa obra. A música popular galega, rica en emocións e simbolismos, foi para Castelao un espello no que reflectir a alma galega». A publicación conta cun acceso a través dun código QR á música que Rubén de Lis creou inspirándose no artista rianxeiro. «Non é un proxecto pechado; agora hai unhas 40 cancións, e aumentarán», adiantou.
O secretario xeral da Lingua enxalzou a «perspectiva novidosa» coa que Rubén de Lis achega a figura de Castelao. Precisamente, esta publicación forma parte da decena de obras que apoiará a Xunta para conmemorar o 75.º aniversario da morte do intelectual galeguista. Entre elas destaca unha que, da man de Galaxia, presentará correspondencia inédita.