
As estelas en forma de casa se consideran unha reminiscencia mitolóxica que se remonta ao periodo castrexo
01 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O costume católico en España, ata finais do s. XVIII era de que os fregueses foran soterrados no interior dos templos, agás os que non recibían últimos sacramentos por vontade propia e que eran enterrados no exterior das igrexas, mosteiros ou catedrais. Coa cédula de Carlos III en 1787 comezáronse a construír cemiterios distantes da igrexas e das casas dos veciños. Pero na parroquia de Moaña houbo que agardar case sesenta anos máis, segundo as investigacións de Manuel Uxío García Barreiro, para construír o cemiterio do Cruceiro previa compra dunha casa e quinteiro, próximo ao adro de arriba.
O tipo de construcións e estruturas no cemiterio vello foi obxecto de moitos estudos tratados por varios observadores da antropoloxía galaico-portuguesa. De feito Otero Pedrayo o menciona no seu primeiro volume da Historia de Galicia e o arqueólogo francés Emile Linckenheld publicou un estudo deste camposanto e o de Tirán nas facultades de letras de Strabour, París e Oxford. O tamén arqueólogo portugués Mario Cardozo observou en 1934 que as estelas en forma de casa tiñan certa semellanza coa pedra Formosa do castro de Briteiros en Guimaraes, cousa na que coincide con Xesús Taboada Chivite ao consideralo coma unha reminiscencia mitolóxica que se remonta ao período castrexo e como vivendas post-morten.
Xaquín Lorenzo Fernández (Xocas), que donou o seu legado ao Museo do Pobo Galego e nos deixou a imaxe que reproducimos, publicou nos Cuadernos de Estudos Galegos (1948) un traballo onde sintetiza que as sepulturas deste camposanto, adornadas con estelas en formas de casas, feitas de ladrillos, madeiras ou mármores, significaban máis ben de que os mortos tiveran unha representación das súas vivendas e non unha relación directa cos monumentos funerarios antigos. Entendemos que a discrepancia de Xaquín Lorenzo en contra da observación anacrónica dos estudosos anteriores, está mellor argumentada, xa que non atopou lóxica entre os vínculos dos rituais funerarios do século XIX e os dos prehistóricos como os documentados na mámoa da Chan da Arquiña (Megalítico), fosas do Casal (Bronce) ou da tumba infantil da Devesa de Abaixo en Domaio (Bronce); todos eles no concello de Moaña.
O Día de Defuntos na Igrexa Católica ten arraigo universal dende a Idade Media, pois foi a partir do ano 1239, onde o concilio de Florencia avaliou o purgatorio coma un lugar de penitencia para liberar as penas humanas mediante sacrificios, misas, oracións, esmolas, responsos, ofrendas, mortallas, indulxencias, bulas e outros oficios de piedade que permitisen o tránsito das ánimas dos finados ata alcanzar a vida eterna.
Case un século despois da construción do camposanto do Cruceiro inaugurouse o novo cemiterio municipal en Trigás, concretamente en setembro de 1942; se ben os enterramentos no vello seguiron durante, polo menos, unha década máis.