«Moaña é todo para min»

carlos ponce MOAÑA / LA VOZ

MOAÑA

XOAN CARLOS GIL

Xil Ríos será nomeado fillo predilecto da vila nunha gala especial o 10 de febreiro

31 ene 2017 . Actualizado a las 13:56 h.

Xil Ríos é una lenda cultural en Moaña. O venres dez de febreiro o Concello devolveralle algo do que o cantante fixo por Moaña e nomearao fillo predilecto do pobo, unha distinción que o recoñece como unha figura imprescindible na promoción de Moaña. Non hai aldea de Galicia na que Xil non levase os seus temas más emblemáticos. E o seu pobo, ao que lle profesa un amor incondicional, sempre ía con el. Foi capaz de poñer de acordo a todos os grupos municipais, que votaron a favor de entregarlle esta distinción.

-¿Que se sente ao ser nomeado fillo predilecto de Moaña?

-Como moañés indubidablemente que é un orgullo tremendo. A min dáme un pouco de apuro e reparo porque penso que non merezo semellante distinción. Penso que hai xente que ao mellor o merece máis ca min. Convencéronme ou deixeime convencer. Se me escolleron, o que quero agora, baixo a miña responsabilidade, é representar á xente humilde deste pobo. É o que fun eu toda a miña vida. Unha persoa de pobo, unha persoa humilde que tratou de desenvolver unha vida no pobo, ao que me tocou representar por medio da música e tratei de facelo o mellor posible.

-¿Que significou e que significa Moaña na súa vida e na súa carreira?

-Moaña é todo para min. Son un namorado de Moaña. Cada vez que chego á entrada do noso pobo quedo abraiado do bonito que é. É unha vila moi tranquila, levámonos ben practicamente todos. A min marcoume todo: a vida da xente, o traballo dos mariñeiros... Moaña tenme gañado.

-¿Segue notando o cariño da xente?

-Podo dicir con toda a humildade do mundo que si. Hai persoas que son sempre respectadas por unha faceta artística como é a miña. Sempre estarei agradecido ao meu pobo porque sempre se volcou comigo. Apoiáronme sempre e respectáronme ao máximo. De aí naceu sempre o gran cariño que lle teño ao meu pobo e que o pobo tenme a min. A xente sempre me quixo un montón. Por iso sempre levarei comigo un agradecemento a Moaña. Sempre.

-¿Hai Xil para rato?

-O que é o mundo da música en directo e todo o que iso conleva xa o deixei. Empezas a perder a ilusión porque é moi complicado, dada a barbaridade de infraestrutura na que tes que moverte. Chega un momento que queres vivir un pouco tranquilo. Foron moitos anos alternando o mundo da hostalería co mundo da música. Moitísimos anos de sacrificio e traballo. Chega un momento en que xa te sentes un pouco canso. É moi complicado hoxe en día dedicarse ao mundo da música e tratar de vivir dela. Non me sinto aínda derrotado, pero todas esas cousas inflúen. Aínda que nunca direi que non a un posible novo disco.

-¿Que prefire, compoñer ou cantar?

-Gústanme as dúas cousas. Se compoño gústame tamén expoñelo, se podo. Aínda que moitas veces quédanse moitas cousas no tinteiro que non cheguei a gravar nin a facelas públicas e que son realmente fermosas. Teño moitísimos temas que lle dediquei ao mar e a labregos que nin sequera están gravados. Algún día gustaríame sacalos en público e cantalos. Chegou un momento en que prefería facer temas de corte social. Decidín deixar a música popular e volver á musica social, que é onde eu empecei. Fun facer unha proba á CBS, que estaba interesada en min. Pero dixeron que os temas de corte social non lles interesaban. Preferían temas como Xirarei ou Rapaciña bonita. Tiven que voltar á música popular porque senón non era capaz de facer galas.

 -¿Cantará na gala do 10 de febreiro?

-Espero que non. Para min cando saio a cantar en público é algo moi serio e sagrado. Sempre trato de facelo o mellor posible, de estar acompañado dunha pequena banda. Se fose un bo guitarrista ou un bo pianista non pasaría nada, pero ter que cantar a capela é un pouco delicado.

-¿Aínda lle gusta cantar Xirarei ou xa a aburriu?

-É un tema moi fermoso, que me deu unha popularidade tremenda e que cando adoitaba facer galas tiña que estar no repertorio. Todo o mundo me identificou con el. Estarei sempre agradecido a el e ao meu amigo Juan Pardo, que é o autor deste tema. Fíxose un single promocional en castelán, e sen gravala xa me soaba moi duro pasar de Xirarei a Giraré. Aquilo xa me horrorizaba. Pedinlle explicacións á discográfica e dixéronme que o tema saíra preseleccionado para Eurovisión e que había que facer un single en castelán. Non me quedou máis remedio. Aínda que ao final non saíu á luz porque non foi elixido para Eurovisión.

  -¿Ademais de Moaña, a que outro lugar lle garda un cariño especial?

-Son un namorado de Laxe. Pero toda Galicia tenme namorado. Creo que visitei canta aldea e canto pobo hai na nosa terra. Galicia é algo que me pode. A nosa terra é un dos lugares máis fermosos do mundo.