As cantigas de Coruxo, Saiáns e Oia toman a praia do Vao

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

OIA

Alumnos vigueses recollen coplas que falan das tres parroquias

15 may 2025 . Actualizado a las 17:08 h.

Co gallo da celebración do Día das Letras, este ano dedicado as cantareiras e, polo tanto, ao cancioneiro popular divulgado por mulleres, mañá inaugúrase no paseo da praia do Vao unha exposición de paneis onde se recollen dezasete cantigas nas que aparecen referencias toponímicas específicas a distintos barrios e lugares das parroquias de Coruxo, Saiáns e San Miguel de Oia. A peculiaridade da iniciativa está nos protagonistas da recollida das cantigas. Foron as alumnas e os alumnos do CEIP Ría de Vigo, IES Coruxo e do Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Guiados polos seus profesores, estes rapaces e rapazas mergulláronse no arquivo conformado pola Asociación Gaiteiros da Xistra, que dende os anos oitenta percorren as aldeas de Galicia recollendo e catalogando múltiples manifestacións do folclore e a cultural popular.

«Cando polo monte chove / pola ribeira poalla, / teño que coller a nena / que me quedou en Toralla» ou «Hai en San Miguel de Oia / urxente necesidá / de resolver muias cousas / e nadie quere axudar», son dúas estrofas das coplas populares que forman parte deste proxecto divulgador.

Agora, coincidindo coa celebración do Día das Letras, o proxecto xuvenil trata de sementar o litoral de Vigo con 17 paneis cos que se difunde e dignifica estas cantigas populares esquecidas. Cada un deles inclúe os versos das coplas, unha fotografía referencial antiga e incorporan un código QR, que enlaza co audio orixinal íntegro e unha nova versión da música creada ou adaptada por mozas e mozos do Conservatorio Profesional de Música de Vigo.

Explican os organizadores que, ademais de implicar á mocidade na conservación deste patrimonio, esta actividade fomenta o seu potencial creativo. «Unha oportunidade para visibilizar o papel de todas aquelas outras persoas, mulleres na súa meirande parte, cuxos nomes non transcenderon malia seren garantes da supervivencia dese legado», sinalan.

Á inauguración, hoxe venres 16 de maio ás 19.30 horas no paseo da praia do Vao (á altura do posto da Cruz Vermella), asistirán as direccións e o profesorado dos tres centros, as ANPA e as asociacións veciñais e culturais de Coruxo, Saiáns e San Miguel de Oia. Tamén acudirán familiares da escritora Xela Arias, a partir da que hai catro anos arrancou esta iniciativa denominada precisamente XELA (Xerando Espazos de Lectura no Aberto). Trátase, en definitiva, dunha mostra no espazo público que recompila materiais sonoros, gráficos, ademais de pezas audiovisuais realizadas expresamente para o proxecto.