O Museo de Pontevedra e o Concello de Ponteareas analizarán as residencias artísticas como motores de innovación
PONTEAREAS
Co título de Crear Pontes: Encontro sobre Residencias Artísticas, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponteareas poñen en marcha un encontro dirixido a profesionais da creación, da xestión cultural e da investigación, centrado na análise das residencias artísticas como motores de innovación, colaboración e transformación cultural e social. A primeira das sesións será no Museo de Pontevedra o 27 de novembro e a segunda, en Ponteareas o 12 de decembro.
Na presentación deste proxecto, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, expuxo a importancia que nos últimos anos cobraron as residencias artísticas: «Trátase dun formato que favorece a reflexión, a experimentación e o intercambio, xa que grazas a elas, as e os artistas teñen a oportunidade de investigar, conectar con novos contextos, establecer vínculos profesionais e comunitarios, e desenvolver proxectos que, doutra maneira, serían difíciles de levar a cabo», precisaron dende o Museo.
Pola súa banda, Ángeles Tilve valorou moi positivamente o enfoque que desde a última edición se lle deu ao programa Novos Valores impulsado pola Deputación, «transformado nun certame de residencias artísticas no que o Museo colabora con institucións de referencia a nivel internacional como son o Centro de Residencias Artísticas Matadero Madrid e a Fundación Walter Leblanc de Bruxelas. Estas alianzas fortalecen o percorrido profesional das e dos artistas emerxentes, ofrécenlles redes internacionais e consolidan o noso papel como territorio que apoia e impulsa a creatividade actual», engadiu.
O Concello de Ponteareas puxo en marcha en 2024 a iniciativa Artistea, «un espazo que ofrece residencias artísticas e desde o que impulsan este encontro como espazo de reflexión e intercambio de coñecementos». Así, a alcaldesa Na presentación Nava Castro resaltou o feito de que «estamos convencidos de que a creación artística ten a capacidade de xerar riqueza, de xerar emprego e, por iso, desde o concello desenvolvimos o primeiro espazo para residencias artísticas cento por cento municipal, público, no que xa levamos cinco residencias desenvolvidas».
O coordinador de Crear Pontes, Diego Parajó, matizou que estas xornadas parten de entender as residencias como motores de transformación, como estruturas que conectan prácticas artísticas, pensamento crítico, innovación e participación grupais arredor de tres temas: redes de cooperación, redes de saberes e profesionalización do sector. De feito, está prevista a participarán de, entre outros profesionais, Verónica Santos, actual directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, André Rodrigues, coordinador de proxectos europeos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a xestora cultural Eva Mejuto, ou as artistas Iria Vázquez e Laura Tabarés.
A segunda xornada a desenvolver en Ponteareas estará centrada nas boas prácticas, no impulso desde o local e a difusión, documentación e retorno da experiencia. Nesta segunda data participarán, entre outras, a avogada especializada en dereito da cultura Ania González, a directora do Centro de Arte María José Jove, Susana González, a crítica de arte Mónica Maneiro, e a comisaria e xestora cultural Sara Donoso.