Salvador García-Bodaño

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

REDONDELA

Siro

11 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A media mañá do martes recibín un wasap de Pepe de Redondela que dicía «Morreu Bodaño», e aquelas dúas palabras batéronme na cabeza todo o día. Salvador García-Bodaño e mais eu fomos amigos cincoenta anos, nos que compartimos ideais, ilusións, esperanzas, frustracións e a ledicia de sentírmonos membros da tribo dos tímidos con sentido do humor. Salvador falaba pouco, con voz grave, frases cortas e o cello engurrado, aparentando unha seriedade que non tiña. Era o parapeto que ocultaba a bonhomía, a tenrura, a sensibilidade da súa alma de poeta; pero en calquera momento da conversa facía unha reflexión, un comentario, unha observación tan enxeñosos que provocaban a gargallada colectiva, mentres el sorría máis cos ollos que cos beizos. Xuntos tivemos moitas vivencias, curiosas unhas, divertidas outras, das que vou recordar dúas.

En 1972 chegou un novo director ao xornal El Ideal Gallego, no que eu colaboraba. Chamábase Rafael González, andaluz de nacemento, pero amante de Galicia, da cultura galega e disposto a facer un xornal galego e progresista. Queríase presentar cun número especial, de moitas páxinas, e recurriu a min. E saíu o xornal coas colaboracións de moitos prestixiosos autores galegos e na portada, a cor, debaixo do titular Sempre en Galiza, os versos de Salvador García-Bodaño:

Galicia é esto que vai en nós

e que nos leva,

camiño aberto nos sulcos

onde todo é por vir e non chega...

Foi un bombazo e Salvador, home humildísimo, que nin sequera ousaría publicar o primeiro libro se Carlos Casares e Xavier Carro non o empuxasen, viuse eloxiado por miles de lectores que o coñeceron aquel día.

A outra vivencia lévanos ao 19 de Nadal do 1974 e ao Círculo de Perlío, en Fene, onde Salvador deu un recital. O gobernador civil censurara o poema 25 de abril, dedicado á recente Revolução dos Cravos que levara a democracia a Portugal; pero un directivo, Suso Díaz, pai de Yolanda, a ministra, fixo desaparecer a prohibición ao recibila e Salvador leuno. Impresionaba o silencio e a tensión do auditorio cando o poeta dicía: «Se é verdade/ que de pronto un canto/ sen máis/ trae a liberdade/ cómpre facé-la música/ e a letra/ agora/ canto antes…». Aquel «agora/ canto antes…» que repetía ao remate de cada estrofa como unha ladaíña conmoveunos a todos; pero o poeta foi multado con 15.000 pesetas, que pagou o Círculo, e a retirada do pasaporte. Esta vez Salvador García-Bodaño foi noticia no mundo civilizado. Coido que o pasado martes tamén.